viernes. 19.04.2024

Este martes arrancou o programa formativo da Xunta correspondente ao 2022 para o persoal do servizo de prevención de incendios forestais. No Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, empezou a instrución para bombeiros forestais e xefes de brigada. O curso de especialización de bombeiros forestais-condutores de motobomba tamén comezou en catro sedes: Oroso (A Coruña), Nadela (Lugo), Antela (Ourense) e O Campiño (Pontevedra). 


Este programa formativo prolongarase ata o vindeiro mes de xuño, informa a Consellería de Medio Rural nunha nota de prensa. No caso dos bombeiros forestais e xefes de brigada, nesta primeira semana formaranse en Sergude un total de 10 brigadas das catro provincias, cunha media de entre 60 e 70 profesionais por día. 


No que atinxe aos bombeiros forestais-condutores de motobomba, o curso corresponde á segunda fase de formación práctica para este colectivo, que está composto por 429 profesionais. A primeira parte desta acción formativa desenvolveuse xa ao longo do primeiro semestre de 2021. 


Trátase dun curso eminentemente práctico, que se imparte en grupos reducidos (para un máximo de 16 persoas, en dous grupos de oito). Estrutúrase en dous bloques. Por un lado, abórdanse diversas modalidades de carga da cuba, bombeo directo, transvase de auga entre vehículos, proba de presións (negativas e positivas), emprego da escuma na extinción e os seus sistemas de dosificación, e uso das comunicacións por radio dixitais.


Por outra parte, avalíase o manexo de equipos de engraxamento neumático entregados no 2021, os sistemas de autoprotección do camión fronte ao lume e as súas manobras (coñecemento das distintas manobras e control de tempos da súa execución) con exercicio práctico e equipamento das motobombas (con especial atención nos distintos tipos de bombas de impulsión), indica o comunicado da consellería.


E engade que todo o persoal participará nestas accións formativas co seu Equipo de Protección Individual (EPI), así como con diferentes dotacións de transmisións e intercomunicación. Os cursos incluirán a análise operativa e táctica, dirixida aos responsables de brigada, e dos lumes de interface urbano-forestal, para o grupo de bombeiros forestais.

NOTICIAS A LIMIA | Comeza a formación de bombeiros forestais para a campaña de verán