miércoles. 06.11.2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, reuníase cos alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia co obxectivo de explicarlles o novo programa que mellorará a conectividade dixital no rural, ademais de amosar a máxima colaboración interinstitucional para atender as demandas dos Concellos.

O Plan Único Demanda Rural mellorará a cobertura grazas á tecnoloxía satelital que permitirá acceder a alta velocidade en territorios remotos. Emilio González sinalou que se trata dunha "moi boa nova para unha provincia cunha extensión territorial e montañosa como a de Ourense".



Unha reunión na que o subdelegado dáballes a coñecer aos alcaldes a nova normativa que permitirá axilizar os trámites burocráticos e permisos para a instalación da fibra óptica nos concellos do rural. Diste xeito, as Administracións Públicas poderán establecer que a tramitación se realice soamente mediante unha declaración responsable ou comunicación previa.

20240131 Emilio González A Limia fibra rural (FILEminimizer)
A reunión tiña lugar no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia.

Emilio González puxo á Comarca da Limia coma exemplo da aposta do Goberno polos pequenos concellos, "que están chamados a ser protagonistas da transformación de España cara un país verde, dixital, sostible e cohesionado, para acadar os obxectivos do reto demográfico". Con el estaba o xefe de inspeccións de telecomunicacións da provincia, Enrique Sanmartín.

 
O Subdelegado do Goberno destacou a convocatoria do Plan Único Demanda Rural que mellorará a cobertura nas zonas remotas e rurais nas que, polo de agora, non chega a conexión mediante fibra, "incidindo na democratización e ruptura da fenda dixital". Facilitará a universalización do acceso á banda ancha ultrarrápida e a extensión do 5G en toda España.

NOTICIAS A LIMIA | Emilio González explica como axilizar a chegada da fibra ao rural