lunes. 09.12.2024

Hoxe tivo lugar no Museo da Limia -Vilar de Santos- a inauguración e apertura oficial da Exposición Conmemorativa do Centenario do poeta limiao, Antón Tovar, considerado un dos maiores exemplos da poesía galega existencialista do S.XX. Ao evento acudiron o alcalde de Vilar de Santos, Xosé Jardón Pedras, e a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade Rúa, acompañados do Presidente do Padroado, Delfín Caseiro.

A exposición localízase na Sala Xaquín Lourenzo e na Biblioteca da Limia e ten coma obxectivo potenciar e dar a coñecer a figura de Antón Tovar e a súa obra. Na mostra poderase disfrutar de diversos exemplares de edicións dos seus libros, textos, manuscritos, fotografías destacables, revistas e documentos da vida do autor -gran parte dos dous últimos elementos foron doados polo Concello de Rairiz- . Tamén se conta cun manuscrito inédito que alberga unha das últimas creacións do autor -que é propiedade do propio museo- e coas ilustracións orixinais do primeiro libro que escribiu, El tren y las cosas. A maiores, poderanse ver diversas caricaturas e retratos feitos por autores da Comarca da Limia coma Xosé Lois Carreira, Victoria Taboada, Manuel Traveso, Toño Monteiro...

A mostra estará aberta ao público de sábado a domingo -en horario de 11:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas- ata o día 26 de outubro, coincidindo esta data coa celebración do seu centésimo aniversario de nacemento. Durante os dous meses de apertura iránse incorporando paulatinamente novos elementos ao conxunto da exposición sendo, na maior parte, aportacións de artistas plásticos da zona. Tamén se planexan diversos actos que fomentarán a interación co público, coma unha recreación musical da obra de Anxo Rei -o cal compuxo un CD adicado ao poeta- e moitos eventos máis que será desvelados no futuro.

NOTICIAS A LIMIA | O Museo da Limia conmemora ao poeta limián Antón Tovar cunha...