miércoles. 09.10.2024

Co ano a piques de rematar, o CDR O Viso fai balance do Proxecto de Itinerarios Integrados para promover a inclusión socio-laboral na Limia, no que traballan dende o 2020 e que se manterán no 2023. Ao longo destes meses, atenderon a 152 persoas, das cales 112 estaban nunha situación de desemprego e 109 fixeron unha formación especializada co CDR O Viso. Grazas a todas estas actuacións, 53 personas atoparon un emprego, o que supón un 47% de insercións laborais.

O proxecto básase na filosofía de traballo da entidade, que aposta por actuar como un equipo interdisciplinar e comprensivo que, dende unha perspectiva integradora, céntrase na capacidade e na motivación da persoa. Ademais, dende o CDR O Viso "loitamos pola igualdade e inclusión na nosa comarca".

A atención que ofrecen ás persoas, desempregadas ou traballadoras que quere mellorar a súa situación, é totalmente gratuíta. O primeiro paso é unha cita de orientación laboral, cunha entrevista persoal para facer unha valoración técnica da situación. Na área de Orientación elabórase un plan de traballo con pasos a seguir para mellorar as opcións de empregabilidade da persoa atendida, con accións individuais ou grupais que permitan cumprir os obxectivos.

Nos últimos dous anos, a entidade aposta pola teleformación como ferramenta para afrontar a dispersión xeográfica e que a pandemia aínda a fixo máis necesaria para garantir o acceso á xente da comarca. Neste ano, 109 persoas que viven no rural puideron realizar formación específica para optimizar as súas competencias profesionais en ocupacións de especial interese para o emprego.

A oferta formativa proposta é completamente personalizada, xestionando accións por persoa, o que permite facer un curso máis acorde aos intereses profesionais e no tempo no que quere levalo a cabo cada usuario. Dende o CDR O Viso, poñen ao alcance da poboación a posibilidade de capacitarse para realizar a teleformación e para ter acceso gratuíto a internet.

Algúns dos cursos impartidos neste ano, seguirán en activo no 2023 e son: 
• Acompañante de Transporte Escolar.
• Estimulación Temperá.
• Administración de Alimentos e Tratamentos a persoas dependentes no Domicilio.
• Primeiros Auxilios para Persoas con Discapacidade.
• Atención ao Cliente e Calidade do Servizo.
• Xestión Básica de Almacén.
• Formación Básica en Limpezas Xerais.
• Factura Dixital.
• Contabilidade.
• Community Manager.
• Autoedición: Deseño Gráfico.
• Deseño e avaliación de Proxectos Sociais.
• Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes.
• Sensibilización Medioambiental.

A estas opcións de formación súmase a atención individualizada no asesoramento ás persoas para fomentar unha adecuada busca activa de emprego, con colaboración na elaboración do currículo, con apoio nas xestións telemáticas coa administración e con traballo nas competencias persoais necesaria para manter a motivación neste proceso. 

NOTICIAS A LIMIA | O Viso inseriu laboralmente a case a metade das persoas atendidas no...