viernes. 26.04.2024

A Xunta de Galicia fixo entrega onte de vehículos tipo pick up a agrupacións de voluntarios de Protección Civil de Calvos de Randín e Sandiás (en Compostela), e Vilar de Barrio e Xinzo de Limia (en Barbadás). A Xunta dotou de novos vehículos as agrupacións doutros 18 concellos ourensáns: Entrimo, Gomesende, Petín, San Cristovo de Cea, Toén, Vilamarín, Xunqueira de Espadanedo, Bande, Barbadás, Boborás, Carballeda de Avia, Cartelle, Castro Caldelas, Cortegada, Lobios, Allariz, Riós e Xunqueira de Ambía.


Nos dous actos participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que en Compostela acompañou ao vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; e en Barbadás estivo co delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén Castro.


Segundo o comunicado emitido por Vicepresidencia, Alfonso Rueda dixo que esta achega “forma parte da orde de axudas da Xunta do ano pasado, destinada a material para as agrupacións de Protección Civil, cun importe de 1 millón de euros, pola que tamén se está facendo entrega de 26 tendas de campaña para emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas e remolques de emerxencias”.


“O titular da Vicepresidencia primeira salientou que os voluntarios de Protección Civil son un piar fundamental na atención as emerxencias tanto nas tarefas de prevencións como en apoio ás intervencións”, subliña o comunicado oficial.


“A actividade de cada agrupación é a que puntúa na entrega deste material”, explicou Daniel Rey, responsable de Protección Civil Barbadás, no acto celebrado no concello ourensán, segundo informou o Concello de Barbadás na súa web.

Os fondos, que se adxudican en réxime de concorrencia competitiva a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, son cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco de programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. 

Vehículo emerxencias Sandiás
O novo vehículo emerxencias de Sandiás. | FOTO: Concello de Sandiás

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta entrega novos vehículos de emerxencia a catro concellos da...