Vilar de Barrio, no centro da transición enerxética de Galicia con cinco novas comunidades solares
O concello de Vilar de Barrio situarase como un dos referentes de Galicia na transición enerxética grazas á concesión de fondos europeos para a creación de cinco novas comunidades enerxéticas locais. Estes proxectos, que aproveitarán a enerxía solar mediante instalacións fotovoltaicas en terreos de seis comunidades de montes veciñais, foron impulsados polo Goberno central a través da última convocatoria do Programa CE Implementa.
A nivel nacional, este programa adxudicou máis de 35 millóns de euros a 27 iniciativas, das cales oito foron concedidas a Galicia, que acaparou o 53% do total dos fondos. Deste xeito, a comunidade autónoma recibiu 20,7 millóns de euros, converténdose nunha das máis beneficiadas.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o papel de Galicia neste proceso, sinalando que "cada vez máis galegos e galegas queren participar do proceso de transición enerxética que impulsa este Goberno". Blanco confirmou que a provincia de Ourense será a principal beneficiaria destes fondos, con cinco proxectos en Vilar de Barrio e un máis no concello de Sarreaus.
O alcalde de Vilar de Barrio manifestou a súa satisfacción ante a noticia, afirmando que o concello "está no centro das inversións en enerxías limpas dos fondos europeos". O rexedor subliñou o compromiso da localidade con esta causa, indicando que "apostamos polas enerxías limpas" e que este tipo de proxectos lle outorgan "unha utilidade ao monte a parte da forestal e gandeira".
O alcalde tamén se referiu á importancia económica que supoñen estes proxectos para o municipio, un aspecto que cualificou de "importante inversión". Ademais, asegurou que, unha vez se concrete a ubicación e extensión das instalacións, se tomarán as medidas necesarias para "evitar calquera impacto medio ambiental".
As comunidades enerxéticas locais son entidades que permiten que os cidadáns se involucren directamente na produción e autoconsumo de enerxía limpa. Os membros destas comunidades non só son consumidores, senón tamén produtores da súa propia enerxía, o que contribúe á democratización do sistema enerxético e xera un importante aforro económico. A xestión do programa CE Implementa recae no Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.