Este sábado 31 de maio, a pequena aldea de Sobradelo, no Concello de Xunqueira de Ambía, volverá converterse nun fervedoiro de cultura viva coa celebración do XII Tangaraño Cultural, un evento que, ano tras ano, demostra que o rural galego é tamén epicentro de creación, compromiso e comunidade.
Nun lugar onde apenas habitan vinte persoas durante o ano, o Tangaraño transforma camiños e prazas en escenarios de expresión artística, facendo do encontro unha festa plural de poesía, música, fotografía, artesanía e amizade. Máis ca un festival, este evento é xa un símbolo de resistencia, que afonda nas raíces do territorio para facer brotar novas formas de vida cultural e social.
Entre os atractivos destacados desta edición, o mercado de artesanía local permitirá descubrir pezas únicas feitas con mimo por artesás e artesáns que coñecen ben o valor do tempo, a terra e a tradición.
O compromiso institucional tamén xoga un papel clave. O alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, participa activamente no evento, reafirmando o apoio do Concello a unha iniciativa que enriquece toda a comarca. A esta complicidade súmanse tamén os Concellos veciños de Baños de Molgas e Vilar de Barrio, que ceden espazos para a celebración dalgunhas actividades, estendendo así a pegada cultural do Tangaraño máis alá de Sobradelo.
Na imaxe que acompaña esta información, poden verse os alcaldes dos tres Concellos xunto á presidenta da Asociación Cultural organizadora, Rochi Nóvoa, auténtico motor desta aventura colectiva que, edición tras edición, mantén acesa a chama da cultura no corazón do rural galego.
