O grupo nacionalista reclama unha resposta inmediata ante a falta de auga potable

O BNG de Baltar critica a falta de resposta do alcalde ante unha avaría que leva tres días deixando ao pobo sen auga

Grupo Municipal do BNG de Baltar vén de solicitar formalmente información ao Concello ante a interrupción do subministro de auga potable que, segundo trasladou a propia veciñanza, se prolonga xa desde hai tres días e afecta tanto a particulares como a establecementos de hostalaría e servizos esenciais como o centro de saúde e o centro de día.

A portavoz municipal do BNG, Silvia Piñar Flores, considera que a situación require unha resposta máis áxil e eficaz por parte do goberno local, especialmente tendo en conta as elevadas temperaturas destes días e a importancia dun servizo básico como é o abastecemento de auga.

Segundo as explicacións trasladadas polo alcalde, varios operarios están realizando traballos manualmente para tratar de localizar a fuga. Desde o BNG aseguran respectar plenamente o labor destes traballadores, pero consideran que, dadas as circunstancias, o Concello debería valorar a utilización de medios técnicos especializados que permitan localizar a avaría con maior rapidez e eviten someter os operarios a traballos físicos extremos en plena vaga de calor.

“Estamos falando dun servizo esencial e dunha incidencia que xa se prolonga varios días. A prioridade debe ser localizar a avaría e restablecer o subministro o antes posible, empregando todos os medios dispoñibles”, sinala Silvia Piñar.

O BNG pide medidas alternativas mentres non se restableza o servizo

No escrito presentado este 19 de agosto, o BNG solicita ao Concello que informe por escrito sobre as causas concretas que provocaron a interrupción, as actuacións previstas para solucionar a avaría e as medidas que se van adoptar no caso de que o subministro non poida recuperarse de maneira inmediata.

Entre esas medidas, a formación nacionalista propón valorar alternativas como o reparto de auga ou a utilización de cisternas para a recarga de depósitos, co obxectivo de garantir o abastecemento aos puntos máis afectados e, de maneira especial, aos servizos indispensables.

O BNG tamén reclama coñecer cal foi o protocolo de comunicación empregado polo Concello para informar á veciñanza e aos distintos servizos afectados. “Nunha situación destas características é fundamental que as persoas saiban que está ocorrendo, canto pode durar a incidencia e que alternativas teñen mentres non se solucione”, apunta Piñar.

A portavoz nacionalista insiste en que a súa prioridade non é buscar responsables no medio dunha avaría, senón conseguir que se mobilicen os recursos necesarios e que exista información clara e constante.

“Queremos unha solución rápida, medios adecuados e información transparente. Non é razoable que unha parte da veciñanza leve varios días sen auga sen coñecer con claridade cando se vai recuperar o servizo nin que medidas alternativas está a habilitar o Concello”, conclúe Silvia Piñar.