sábado. 04.07.2026

O presidente da Deputación de OurenseLuis Menor, participou este sábado na igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, no acto solemne de nomeamento dos novos Xuíces e Xuízas Honorarios do Couto Mixto, unha celebración organizada pola Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto que reuniu a representantes institucionais, culturais e sociais en homenaxe a un dos espazos históricos máis singulares de Galicia e da provincia de Ourense.

Na súa intervención, Menor destacou que "o Couto Mixto non é só unha curiosidade da historia, senón unha das expresións máis singulares do patrimonio da provincia de Ourense e de Galicia", subliñando que este territorio representa "un legado de liberdade, convivencia e entendemento entre pobos que segue plenamente vixente".

Luis Menor participou no nomeamento dos novos Xuíces Honorarios do Couto Mixto en Santiago de Rubiás.
Luis Menor participou no nomeamento dos novos Xuíces Honorarios do Couto Mixto en Santiago de Rubiás.

O presidente provincial puxo en valor o papel do Couto Mixto como elemento diferenciador da identidade ourensá, lembrando que durante séculos foi un territorio con características institucionais propias que hoxe constitúe un patrimonio histórico e cultural de enorme valor. "Os pobos que coñecen e valoran a súa historia son tamén os que mellor preparan o seu futuro", afirmou.

Menor reafirmou o compromiso da Deputación coa protección e difusión deste legado, asegurando que a institución continuará colaborando na conservación da súa memoria, no apoio á investigación e na súa promoción cultural. "O patrimonio non consiste unicamente en conservar o pasado, senón en transmitilo ás novas xeracións e convertelo nunha oportunidade para fortalecer a nosa identidade e impulsar o desenvolvemento do territorio", sinalou.

O presidente da Deputación felicitou ás persoas e entidades distinguidas nesta edición como Xuíces e Xuízas Honorarios: a Asociación de Mulleres Rurais A Raia, de Baltar; o fotógrafo Xurxo Lobato; e Marco Franco Neves, en recoñecemento á súa contribución á preservación, difusión e posta en valor do patrimonio histórico, cultural e lingüístico vinculado ao Couto Mixto.

O acto contou coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García; dos alcaldes de Calvos de RandínAquilino Valencia, e de BaltarJosé Antonio Feijoo; así como doutras autoridades e numeroso público.

A cerimonia incluíu a tradicional entrada do Arcón da Memoria, a lectura da acta, o nomeamento dos novos Xuíces e Xuízas Honorarios, diversas actuacións musicais e, como peche, a introdución dos documentos desta edición no Arcón da Memoria e a interpretación do Himno do Couto Mixto.

Luis Menor reivindica o Couto Mixto como "un dos grandes símbolos" da identidade...