A asociación do Couto Mixtour organiza para este vindeiro sábado día 20 de novembro unha conferencia con dúas charlas e unha mesa redonda na que se tratarán a historia da antiga rexión e diversas propostas para o paliamento do despoboamento rural. O programa iniciarase ás 12:30 horas no Couto Mixtour, situado na Rúa Os Pereiros, 2, en Meaus, Concello de Baltar.
A primeira das intervencións correrá a cargo de Cesáreo González, presidente da Asociación Veciñal do Couto Mixto e representante das tres vilas -Meaus, Santiago e Rubiás- que formaran parte do territorio do Couto Mixto. A súa charla xirará arredor da historia deste territorio independizado de España e Portugal na antigüidade.
Media hora despois, sobre a 13:00 do mediodía, será o turno do escritor e Xuíz de Horna do Couto Mixto, Antón Riveiro Coello. O invitado tamén falará sobre a rexión do Couto e a súa historia, e nomeará diversos libros e escritos que traten ou se relacionen co tema -entre outros puntos- .
Ao rematar as dúas primeiras intervencións, sobre as 14:00 horas, os asistentes á conferencia poderán desfrutar dun delicioso xantar no restaurante Chaves do Couto. O menú incluirá pinchos, un prato principal a escoller, pan, bebida, postre e café.
Finalmente, levarase a cabo unha mesa redonda aberta á participación de todos os convidados. Nela debatiranse diversas propostas para dar a coñecer a historia do Couto Mixto e intercambiaranse suxerencias e recomendacións para aumentar a poboación na zona. A loita contra o despoboamento rural segue a ser un tema preocupante, pois en Meaus conviven só 22 veciños.
Para asistir ao programa deberase reservar praza chamando ao 696 62 39 60, ou escribindo ao correo de [email protected]. O prezo é de 25 euros por persoa, no que se incluirán todas as actividades, incluído o menú.