viernes. 04.10.2024

“A min encántame facer teatro. Tes unhas tardes distintas facendo algo que che gusta, con xente que che cae ben. Cambias, non sei... É algo que me gusta”, di a Marita, unha das veciñas de Rairiz de Veiga, actriz do grupo @s Baralloc@s na obra Cando mandan as mulleres, escrita e dirixida por Manuel Fontemoura, un éxito de público o día de San Xoán, que encheu o salón de actos do colexio, e mesmo houbo xente que quedou fóra. A Marita convenceu á Manola para que se apuntase ao teatro. A Marita é a Juana na obra, e a Manola é a Paca.


Uns días despois da representación o grupo de mulleres que fan teatro en Rairiz reúnense na piscina da localidade para contar o que aconteceu aquela tarde e a experiencia do teatro nas súas vidas e a relación entre elas. O teatro dá para moito, din. Para tecer comunidade, espantar medos, levantarse contra o estado das cousas, aínda que sexa no papel, facer o que che gusta xunto a xente que che cae ben. 


“A obra vai un pouco do que nos gustaría que pasara na vida real. Ao principio, nun antes, mandan os homes. E hai unha revolución das mulleres para que os homes esperten e se dediquen, como nós, ás tarefas cotiás do fogar”, explica Eva, a Xenerala na obra, desde a cabeceira do grupo. “Eu son a instigadora, a que arma todo, a máis mala, a que dirixo o cotarro até que descobren a miña debilidade”.


Cando mandan as mulleres, a terceira obra das Baralloc@s un espello que pór diante do espectador para que se recoñeza nese “antes” e asuma, a través do humor, esa desigualdade cotiá. Mais tamén parece un espello que reflicte debilidades humanas que conducen ao fracaso das revolucións. En Cando mandan as mulleres, elas, contan as protagonistas, expulsan aos homes da aldea e pretenden que os homes se rendan e se comprometan “a unha serie de cousas”.


“O que pretendiamos era estar soas, vivir sen eles, e que finalmente chegasen a firmar... Paro aquí para non desvelar o final”, explica Loli, que fai dous papeis: Celeste (“atrevida”) e Lourditas (“cohibida, polo menos cara a fóra”). “Tócanos vixiar, infiltrarnos... é unha revolución”. 


Igual que Marita convenceu Manola; Loli convenceu Inma, que interpreta o papel da Avogada, contratada polos homes, pero que en realidade é unha xornalista que quere saber o que pasa na aldea, e que se vende a quen mellor paga. “Apunteime sen máis, e a día de hoxe é algo que me encanta”, confesa Loli, que traballa a quendas e unhas veces podía acudir aos ensaios e outras non, e levou (como todas) o texto para a casa e pasou noites estudando.

Elenco e director de Cando mandan as mulleres (4)
@s Baralloc@s: Manola, Carme, Lolia, Eva, Mari e Juan. Abaixo: Carme, Inma, Marita e o director, Manolo Fontemoura.


@s Baralloc@s comezaron a preparar a obra a finais do 2019. Despois veu a pandemia. Retomaron o texto  o outono pasado. Calculan que desde aquela lle meteron unhas 150 de ensaios. Ensaiaron tamén algún fin de semana, e o luns de Entroido, lembran, reuníronse na casa da Carme. Acabaron tomando roscas e café. A Carme, unha delas, porque hai dúas no grupo, fixo de xuíza (“primeiro de muller, e despois disfrazada de home”). Lembra o esforzo para actuar na escena en que regresan “feridas, escapadas entre toxeiras”. A outra Carme é das veteranas. Di que ela se meteu no teatro para combater os males que afectan á memoria. Para iso serve tamén o teatro, para estar xuntas, e axudarse, como durante os ensaios. “Os luns eran fatais, esqueciámonos de todo, o director púxonos as pilas”, apunta a Carme, a dos cafés con roscas.


O día da estrea foi un día feliz. “Viñémonos arriba”, lembra a Xenerala. Durante unha hora e corenta minutos despregaron meses de traballo. Improvisaron cando o Juan, o único home do grupo, que fai o papel de Alvarito, o único home que fica na aldea, agochado e subministrando alcohol desde a adega, amante dalgunha das mulleres en rebeldía, tivo que saír correndo do colexio buscar uns pantalóns brancos cos que tiña que aparecer no escenario. “Improvisamos mais non se notou”, di a Mari, que na obra é recadeira da Xenerala na rebelión. “É unha obra simpática, que o público entende ben, e para ser tan longa, a verdade é que a xente estaba ao que estaba. Gustou de verdade”.

O grupo comezou a preparar a obra a finais do 2019. Despois veu a pandemia. Retomaron o texto  o outono pasado. Calculan que desde aquela lle meteron unhas 150 de ensaios. 

O día da estrea foi un día feliz. “Viñémonos arriba”, lembra a Xenerala. Durante unha hora e corenta minutos despregaron meses de traballo. E tamén improvisaron.

A Marita confesa que cando está enriba do escenario non ve o público. “Escoitaba as risas, si; e tivemos que parar varias veces esperando a que rematasen as risas”. Despois, ao final, recibiron moitos parabéns, e comentarios eloxiosos sobre o texto. “En realidade, o único que fai a obra é sinalar algo que é obvio: as mulleres non nacen cun chip para que se ocupen de todo no fogar. Subliñar iso era idea central do texto”, comenta Manolo Fontemoura, o autor e director.


“Eu escoitei algún comentario mentres facíamos a obra. Algunha muller entre o público comentando con outras: ‘Todo o que din teñen razón, se fixeramos todas o que fan elas!”, conta unha das actrices. Ábrese un breve debate na piscina ao redor da actualidade da mensaxe. “Hoxe os homes colaboran máis na casa, pero hai outros que nada”, constatan elas. “Houbo algún marido dalgunha de nós que despois de vela interpretación da muller dixo: ‘Hoxe por se acaso non vou a casa”. E todas miran á Manola/Paca, e o Juan e o Manolo Fontemoura rin. Todas rin. “Eu tería dito máis palabrotas no meu papel de home”, descúlpase a Manola.

A Marita confesa que cando está enriba do escenario non ve o público. “Escoitaba as risas, si; e tivemos que parar varias veces esperando a que rematasen as risas”.

“Para min o teatro serve para quitar o estrés, calquera problema que traia da casa ou do traballo, esquézoo alí. Pasamos momentos moi bos. Éncheme, e volvo nova para a casa”, di a Loli.

“Ao fin é unha parodia do que acontece todos os días. Tamén ás mulleres nos resulta difícil estar sen eles. Hai unha frase no texto que di: ‘para 100 gramos de chourizo, non queremos todo o porco”, lembra Eva, a Xenerala. “Hai outra que di: ‘liberación masculina, mulleres á cociña”, retruca o Alvarito/Juan. E todas responden: “liberación feminina, homes á guillotina”. En realidade, apunta o autor, a cousa comezaba “liberación feminina, homes á cociña”. Mais xa se sabe como son os revolucións. E foi Juana/Marita que alentou á violencia: guillotina... “Si, a Juana é unha das vixiantes, amante do Alvarito por celos, moi en contra dos homes ao principio... pero. Non imos contar o final. Asinan o pacto? Hai que vela”.


“O bonito é que o día xusto, saíu todo ben. Estaban amigas, familias... Eu cheguei uns días despois a outra asociación na que participio e tíñanme un ramo de flores. ‘E isto?’, preguntei. ‘Pola obra do outro día’, dixéronme”, conta Carme, que quere traer máis mulleres ao grupo de teatro. 

Elenco e director de Cando mandan as mulleres (3)
As mulleres (e os homes) de 'Cando mandan as mulleres', uns días despois da estrea.


A conversa nas piscinas de Rairiz remata coas mulleres (e o Juan) reflexionando sobre o que lles aporta o teatro. “É facer algo que che gusta con xente que che gusta”, insiste Marita. “A min tamén me gusta moito o teatro, e teño que dicir que cando estou na casa ou no traballo, véñenme a cabeza as frase e estounas recordando continuamente. Encántame iso” (Mari). “Para min o teatro serve para quitar o estrés, calquera problema que traia da casa ou do traballo, esquézoo alí. Pasamos momentos moi bos. Éncheme, e volvo nova para a casa” (Loli). “A min quen me meteu na lea foi a Mari e encántame estar con esta xente” (Juan). “Eu quedo co día da estrea, cos aplausos da xente ao final, con aquelas caras... e iso veu despois de tantas horas, de tanto repetir as frases na cabeza, no traballo” (Eva).

“Eu empecei para reforzar a memoria. Traballei nas primeiras obras coa miña neta e cunha irmá. Eu puiden seguir e estou moi contenta. Síntome feliz coas compañeiras que tiven e coas que teño” (Carme). “A min 'lioume' a Loli, a miña cuñada. Nunca fixera ningunha obra de teatro antes. É certo que desconectas. Esas horas que estás alí son moi divertidas. E tamén é certo que estás na casa ou no traballo e dinche algo e recordas aquela frase, e pensas noutra” (Inma). “Pois a min foi tamén a cuñada quen me apuntou. Tivera un ictus, e isto faime ben” (Manola). 


“Eu son Carme, a do café. E son divertida e gústame xuntarme con outra xente e colaborar no que sexa. Esas son as miñas razóns. Pero quero contar unha anécdota. Ao día seguinte da representación, topeime cunha muller que viñera de fóra e pasouse polo teatro por curiosidade. Díxome que esperaba ver un teatro de ‘pueblo’. Non sei a que se refería con iso, pero supoño que quería dicir unha trapallada. E recoñeceume que quedara impresionada... e moi contenta”.


“Eu invitei a uns veciños que están agora por aquí, que son xente do cine e artistas, un deles mesmo dirixiu teatro”, conta Juan. “Quedaron encantadísimos”.


A obra Cando mandan as mulleres aínda non ten data para a seguinte representación. “Estamos á espera de que concellos e asociacións nos chamen para actuar”, di o autor e director, Manuel Fontemoura. As compoñentes das Baralloc@s queren, finalmente, deixar claro que son elas as que asumen todos os gastos do grupo de teatro e que non contan con axuda institucional de tipo ningún.

NOTICIAS A LIMIA | Mulleres, risas e revolución en Rairiz