martes. 23.04.2024

O Teatro Aneis celebra hoxe luns e mañá martes, en sesións a partir das 20:00 horas na Casa da Cultura de Xinzo, a súa Gala Fin de Curso con interpretacións de cinco grupos, todos eles dirixidos por Manuel Fontemoura.

Despois doutro ano complicado polas restricións obrigadas pola pandemia, Fontemoura presenta esta tarde no Auditorio Ángel Cocho da Casa da Cultura o resultado do traballo cos grupos Aneis Picariños, Aneis Mozos e Aneis Allariz. Os máis cativos representarán varias obra curtas tradicionais. O grupo de mozos interpretará O Tren, e o grupo de Allariz, a obra Os Pisos.

Para mañá, á mesma hora e sobre o mesmo escenario, están previstas outras dúas representacións dentro da Gala Fin de Curso. Actuarán Aneis Cativos, que representará Contos de Sempre; e Aneis Raparigos, coa obra Contos Felices?.

ESTREA 
Manuel Fontemoura, que hai apenas dúas semanas organizou na Forxa a despedida de curso do grupo de teatro de Porqueira, prepara xa a estrea doutra obra. Será esta mesma semana, tamén no marco da festa dos grupos que dirixe en Rairiz de Veiga. A obra titúlase Cando manden as mulleres e será representada este venres, día 24, polo grupo As Barallocas, no salón de actos do colexio a partir das 19:00 horas. Antes, e dentro da mesma programación, o grupo de teatro infantil da ANPA do CEIP Carlos Cid Arregui representará Os Títeres no Teatro.

Manuel Fontemoura é autor de máis dun centenar de obras de teatro. Ademais, foi fundador de grupos de teatro en Vilar de Santos, Porqueira e Xinzo de Limia, onde fundou o Teatro Aneis en 1996. Na actualidade imparte cursos e dirixe grupos en Rairiz, Xinzo, Porqueira, Baltar, Maceda, Xunqueira de Ambía e Allariz.

AXENDA | O Teatro Aneis, hoxe e mañá na Casa da Cultura de Xinzo