O deporte base reforza a colaboración provincial

A Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base celebra a súa primeira reunión institucional | NOTICIAS OURENSE

A reunión serviu para presentar os proxectos e obxectivos da nova asociación provincial.

Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base (AOCBB) celebrou este martes a súa primeira reunión oficial co presidente da Xunta Xestora da Federación Galega de BaloncestoJulio Bernárdez, nun encontro desenvolvido na Sala de Xuntas das Federacións, no Couto (Ourense).

Na reunión participaron 12 dos 13 clubs que forman actualmente parte da asociación, tras a incorporación este luns do ID Sarmientos de Rivadavia. Durante o encontro, os representantes das entidades presentaron as ideas e proxectos que motivaron a creación desta unión de clubs, nacida co obxectivo de traballar de maneira conxunta polo futuro do baloncesto base na provincia de Ourense.

A asociación tamén informou das reunións xa confirmadas coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, o Servizo de Deportes da Deputación de Ourense e a Concellería de Deportes do Concello de Ourense. Ademais, anunciou a súa intención de manter encontros cos concellos de cada club asociado que así o soliciten.

Segundo trasladou a propia asociación, Julio Bernárdez agradeceu a invitación a esta primeira reunión e felicitou aos clubs polo paso dado para traballar de forma conxunta. Durante a súa intervención puxo o foco no respecto entre as entidades, na procura de acordos, na prioridade do interese colectivo, na unión entre as vilas e a cidade, na mellora da formación das adestradoras e adestradores e na promoción do baloncesto nos centros educativos, co obxectivo de que Ourense continúe sendo a provincia con maior número de licenzas por habitante.

O presidente da Xunta Xestora concluíu a súa intervención afirmando que "Non será un camiño fácil, pero pode ser moi bonito".

Pola súa banda, a directiva da Asociación Ourensá de Clubs de Baloncesto Base reiterou a súa vontade de que todos os clubs de formación da provincia formen parte da entidade, asegurando que continúa aberta á incorporación daqueles que aínda non están asociados.

Na actualidade integran a AOCBB os clubs CF BarcoEDO Blanco AmorAD BoscoBurgas BasquetCarmelitasBXL CelanovaCB DepordimaCB Val de LemosClub MaristasCD María Trinidad MirafloresCB Xuventude VerínAB Xinzo e ID Sarmientos de Rivadavia.