viernes. 19.04.2024

“Tras máis de catro décadas sen probas na comarca, A Lima entra pola porta grande do automobilismo deportivo coa realización dunha proba da Copa de España de Montaña con todo o que iso significa en canto á calidade e a cantidade de pilotos e vehículos e á afluencia de público”, di a organización da I Subida a Vilar de Barrio, que se disputará a primeira fin de semana de novembro nun tramo da OU-113 entre Borrán e o Alto do Talariño.


A organización, a cargo do Clube de Automobilismo Talariño, abriu este mércores as inscricións, que deberán realizarse a través da Federación Española de Automovilismo antes do próximo 30 de outubro. A lista oficial de inscritos farase pública o día 3 de novembro (xoves). O sábado, día 5, a entrega de documentación e as verificacións técnicas terán lugar na praza do Toural de Vilar de Barrio.


A subida, de 5 quilómetros de percorrido, combina “unha primeira parte cha e moi veloz”, cunha “parte intermedia de curvas ligadas e outras de fortes apoios e gran radio”, e un final “tamén rápida e cun rasante espectacular”, segundo informa a organización.


O Clube de Automobilismo Talariño, que conta coa colaboración e o asesoramento da Escudería Valdeorras, empezou o mes pasado a publicar unha longa lista de patrocinadores, entre os que figuran as empresas Coello (materiais de construción), Agrícola Suárez, Petrolimia, Coren, Celanova Motor, Hortícolas Galegas, Toyota Cibrao Ourense e Oterino (seguridade). 


A competición incluirá tamén un trofeo Fullsip Historic no que se renderá tributo aos vehículos históricos tanto na proba de Vilar de Barrio como na Subida a Valdeorras. O Clube Talariño e a Escudería Valdeorras teñen ademais a intención de crear un trofeo feminino “co fin de incentiva a participación de mulleres”.

O Clube de Automobilismo Talariño anda na procura de voluntarias e voluntarios que poidan botar unha man na organización do evento. As interesadas ou interesados poden chamar ao teléfono 647 35 23 78.

306258807_109022331952307_9016287556304041685_n

DEPORTES A LIMIA | Aberto o prazo de inscricións para a Subida a Vilar de Barrio