viernes. 19.04.2024

"Temos un circuíto espléndido, sen desniveis, con rectas longas e curvas amplas. Aquí, un día de bo tempo sen vento pódense realizar marcas ao redor dos 30 minutos", asegura Óscar Gómez, responsábel do Limia Activa, o club de atletismo de Xinzo, que colabora na organización este domingo da carreira popular do Concello de Xinzo, o gran evento anual da disciplina na comarca e que regresa após dous anos de pandemia.


Ninguén leva a conta de cantas edicións van da popular. Óscar lembra que el xa a correu cando neno. Antes facíase no Nadal, pero as temperaturas eran extremas e pouco a pouco foise adiando até facela en maio.  A Limia tivo unha pista de cinsa, cando se construíu o novo estadio, na Moreira. Pero da pista xa só queda o debuxo. "É unha pista de 400 metros. Penso que daría para seis rúas. Pero poñer hoxe un tartán subiría do millón de euros".


O Limia Activa, rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos, uns cincuenta, adestran no pavillón este martes pola ameaza de chuvia. Cando fai bo, na Moreira, corren, e saltan, e lanzan ("detrás das portarías", apunta Gómez para que non se preocupen os do fútbol). No pavillón fan carreiras e saltos sobre colchóns. Xunto a piscina hai habilitado un anel para o lanzamento de disco e un foso para os saltos horizontais. Alfredo, adestrador, que vai pola cuarta tempada, recoñece que as instalacións "non son as idóneas, pero ímonos apañando".

Alfredo di que na Limia "o atletismo vai medrando". "Aquí non temos unha motivación simplemente competitiva", intervén Roberto, o máis veterano dos adestradores (sete tempadas), maratoniano cunha marca por baixo das tres horas, "as nenas e os nenos fan de todo, e pouco a pouco cada un vai encontrando o que máis lle gusta". Marcos, que leva tres anos como preparador, ve aos cativos "moi motivados despois da pandemia. Van mellorando rápido e imos tendo bos atletas"


O club Limia Activa son eles catro (Óscar, Roberto, Alfredo e Marcos), medio cento de rapazas e rapaces e 46 socios, os maiores. Os maiores non fan pista. Adestran pola súa conta. Son afeccionadas e afeccionados ás probas en ruta, como a deste domingo, algúns aventuráronse nas maratóns e, ultimamente hai moito interese polo trail, as probas de montaña. "Houbo un bom das populares hai uns anos. Hoxe en día penso que baixou algo. O que está de moda agora é a BTT", explica Óscar Gómez, que a esta altura esperaba ter máis inscritos na lista de saída para o domingo.


As inscricións van polas 160 este martes. Mañá aínda hai todo o día para se apuntar. Só pagan cota os corredores a partir da categoría sénior, 7 euros. Para o resto é gratis. As inscricións pódense facer na web www.sportmaniacs.com "Antes da pandemia eses 160 xuntabámolos só na proba sénior. Pero hai que entender que se xuntan moitos factores en contra, a data non é boa porque imos coincidir na fin de semana da carreira do Couto e da final da Champions League coas posíbeis celebracións. Iso restará xente. E tamén o prezo do combustíbel, claro. Antes viña xente da Coruña, de Pontevedra... Este ano temos poucos de fóra".

Limia Activa. Adestramento (4)
Óscar, Roberto, Alfredo e Marcos, adestradores do club Limia Activa.

A proba está organizada polo Concello de Xinzo de Limia. A Policía Local e Protección Civil botarán unha man na seguridade. O traballo máis técnico, no avituallamento, na entrega de dorsais, na organización da cerimonia de trofeos (non hai premios en metálico), está a cargo dunha ducia de persoas do club. Roberto, o maratoniano, di que o mesmo se anima a última hora a correr. 


A popular de Xinzo vai completando un bo palmarés. Rubén Diz, o ganador no 2019 e no 2016, é limiao. Tamén figuran os ourensáns Alejandro Fernández (2018), José Manuel Márquez (2013) e Hassan Lekhili (2010). O vigués Daniel Bargiela ten o récord con 31:17, tempo co que gañou no 2015. Entre as mulleres a mellor marca rexistrada é a de María Soledad Castro (37:03, no 2009). Sonia Teijeiro venceu en 5 edicións entre 2012 e 2018. A última gañadora foi a ourensá Iria Fernández Fontenla.

Limia Activa. Adestramento (5)
As atletas e os atletas máis mozos do Limia Activa, este martes, nun descanso do adestramento.

A saída da carreira absoluta e de veteranos será o domingo ás 10:40 horas. Cubrirán 10 quilómetros en dúas voltas a un circuíto que vai desde o pavillón polas rúas Dous de Maio, Ladeira, Sil, Limia, Miño, Rosalía de Castro, avenida de Madrid e avenida de Ourense, e regreso pola Dous de Maio cara ao pavillón. A continuación disputaranse catro carreiras máis: Sub10 e Sub12 (saída ás 12:20 horas, sobre 900 metros), Sub14 a Sub18 (12:00 horas, sobre 1,9 quilómetros), Prebenxamín (12:35, 350 metros) e Pitufos (12:45, 150 metros).


O día anterior, sábado, 14 atletas das categorías benxamín e alevín competirán no campionato provincial de pista en Ourense. Por marca, algunhas aspiran a medalla. "Non é o obxectivo. O obxectivo é que fagan deporte. Afortunadamente en Xinzo hai moita afección entre os cativos polo deporte. Aquí case todas e todos practican outras disciplinas. Iso é bo", resume Óscar Gómez. A elite, se chega, pode esperar. Polo momento, Xinzo, no atletismo, está a criar base. E iso xa é moito sen unha instalación fixa e en condicións.

DEPORTES A LIMIA | O atletismo busca arraigo na Limia