martes. 10.12.2024

Seis días de competición en Omán, os seis días que leva Carlos Canal este ano en carreira, foron suficientes para que o corredor, de 20 anos e natural de Xinzo, se sinta con forza e ambición para a súa primeira gran clásica en Galicia: o Gran Camiño, a proba por etapas (catro) que a última fin de semana do mes traerá a Xinzo a unha parte do pelotón internacional. Entre eles, Carlos Canal cun rol destacado no Euskatel Euskadi.

Carlos concede a primeira entrevista nada máis aterrar en Madrid procedente de Omán ao Diario do Limia. "Aínda me queda coller o terceiro avión do día, con destino a Vigo. Hoxe durmo na casa. Pero pararei pouco. O martes xa temos a presentación oficial do equipo en Euskadi e despois regreso xa co grupo para competir desde o día 25"

En Omán, explica o corredor, o seu papel inicial era "estar adiante nos finais rápidos e aguantar e aguantar cada día no grupo de diante, sufrindo, para ir collendo o ritmo de competición". E aguantou. Tanto que até o último día foi a mellor baza do equipo na xeral. Mais o último día, este mércores, a tres quilómetros de meta sufriu unha caída. "Nada grave, chapa e pintura", resume. Perdeu algunha posición na clasificación e rematou 21º, o segundo dos españois.

"Cada ano que pasa síntome mellor, máis sólido", di Carlos. "Aínda son novo, pero a diferencia empeza a notarse. Agora estou nun gran equipo e, malia que levaba case seis meses sen competir, véxome ben, con forza e con ganas para disputar o Gran Camiño".

Será a primeira edición da proba galega, cunha etapa en cada provincia, e cunha xornada a priori clave nas estradas de Ourense, cun paso por Xinzo (meta volante) e final nun circuíto de sucesivas montañas antes da meta en Luintra. "Ten sabor a clásica. Aínda que sexa por etapas e o percorrido pareza sinxelo, eu sei que non o é", advirte o galego.

Carlos Canal. Ciclismo. Euskatel Euskadi (con Gotzon) (4)
Carlos Canal. FOTO: Euskatel Euskadi

"Os dous primeiros días haberá que estar moi atento, sempre vixilante e o máis adiante posíbel no grupo, porque o terreo engana. En calquera momento poder perder a carreira", explica. "A etapa de Ourense, o terceiro día, será decisiva. Eu penso que vai ser espectacular. Coñezo de memoria ese 50 quilómetros final e hanse facer moi duros, especialmente a última subida".

[O Gran Camiño] ten sabor a clásica. Aínda que sexa por etapas e o percorrido pareza sinxelo, eu sei que non o é" (Carlos Canal)

Carlos vén con poucos días de competición, pero "máis feito". En Omán demostrou que pode estar adiante todos os días. E foron seis consecutivos. Esta fin de semana ten programados adestramentos. Collerá a bici "tres ou catro horas". O luns, descanso e viaxe. O martes, presentación. O xoves, ademais do maillot laranxa, volve tocar carreira. A vida dun ciclista profesional, entre avións e pedais, vai así de rápido... aínda que só teña vinte anos.


 

DEPORTES A LIMIA | "O Gran Camiño ten sabor a clásica"