sábado. 27.04.2024

A Limia volverá contar cunha proba automobilística de primeiro nivel. Este martes, día 1, afeccionados de Vilar de Barrio, coa colaboración da Escudería Valdeorras, pagaron os dereitos de inscrición da I Subida a Vilar de Barrio como parte do calendario da Copa de España de Montaña 2022, que organiza a Federación Española de Automovilismo.

A proba celebrarase os días 5 e 6 de novembro. O percorrido será un tramo da OU-113 entre Borrán, concello de Vilar de Barrio, e Alberguería, Laza. Serán cinco quilómetros na zona do Alto do Talariño, onde parten as augas do Limia, cara o oeste, e as do Támega, cara o sur. 

A iniciativa naceu nun grupo de afeccionados ao mundo do motor de Vilar de Barrio e Xinzo, que pasado mañá, o sábado, manterán unha xuntanza para empezar a buscar apoios institucionais e patrocinadores. O automobilismo de primeiro nivel volve á Limia despois de catro décadas sen competicións.

"A última que lembro é o Rally San Martín, alá polo ano 81, que organizaba a Escudería Ourense e tiña un tramo precisamente en Vilar de Barrio", explica Celso Cerredelo, un dos organizadores, que agradece a axuda da Escudería Valdeorras e do seu presidente, José Manuel Torres. "Sen eles, non teriamos conseguido que admitisen a proba como parte da Copa de España. Están axudando moito, e iso mentres organizan a súa propia proba que se celebrará unhas semanas antes que a nosa".

O orzamento da proba chegará até os 50.000 euros, calcula Cerredelo. "Imos traballar como leóns para conseguir eses cartos, porque o difícil, penso, xa está feito". Agora dispoñen de seis meses até agosto, para cando queren ter pechado o capítulo financeiro. Despois virá a parte técnica e as inscricións de pilotos. "Non podemos dicir aínda quen virá, pero esperamos contar cos mellores, sobre todo, dos galegos".

A proba celebrarase os días 5 e 6 de novembro. O percorrido será un tramo da OU-113 entre Borrán, concello de Vilar de Barrio, e Alberguería.

A Copa, como o resto de competicións, sufriu a consecuencia da covid estes dous últimos anos. No 2021, conta Cerredelo, só se disputaron en Galicia as probas de Oia (Pontevedra) e da Saleta, no Carballiño. "Nós xa empezaramos a deseñar a carreira xusto antes da covid. Somos un grupo de oito persoas, moi comprometidas, e seguro que se vai sumando máis xente e algunha institución... algún contacto institucional xe temos feito", di Cerredelo.

Subida Vilar de Barrio. Automobilismo. Estrada Laza (2)
Tramo da Subida, na OU-113 despois de Ameá. | FOTO: DdL

Ate o outubro, un mes antes da celebración da subida, non se coñecerán os participantes. Entre as diferentes categorías en competición, Cerredelo espera que poidan concorrer os coches fórmula. "O trofeo nesta categoría vaise recuperar seguro para o 2023, pero quizá xa os poidamos ver en Vilar de Barrio".

Subida Vilar de Barrio. Automobilismo. Estrada Laza (3)
Tramo da Subida, na OU-113. | FOTO: DdL

A estrada presenta bo firme, peraltado e valados de seguridade. Hoxe, coa chuvia e a néboa na parte alta, ofrecía unhas condicións que poden ser parecidas ás que se atopen os pilotos no mes de novembro. Por diante, a Cerredelo e o seu grupo aínda lles queda un longo camiño para que eses cinco quilómetros con vistas á chaira se convertan en parte do seu soño.

DEPORTES A LIMIA | A Limia volverá ter unha proba automobilística o próximo outono