Carlos Canal (Xinzo de Limia, 2001) descansa este mes. O 1 de novembro comezará a nova tempada. Adestramentos, concentracións co equipo e algo de ciclocross antes de rematar o ano. Carlos Canal seguirá no Euskaltel Euskadi. Será a súa terceira tempada no ciclismo profesional con apenas 21 anos. As cousas van así de rápido no novo ciclismo, mais Canal di que el leva o seu ritmo, que vai para largo. Iso quere.
Acabas de concluír a túa segunda Vuelta a España, como che foi nesta edición?
A primeira semana terminei varias etapas entre os 20 primeiros. Ese era o meu rol dentro do equipo. Na segunda semana, Joan Bou, o meu compañeiro de habitación, colleu unha bronquites e xa sabía que me ía tocar a min. Enfermei tamén. A partir de aí, o obxectivo cambiou e do que se trataba era de acabar a Vuelta o mellor posíbel.
Como valoras a túa tempada en conxunto?
Foi unha tempada movida polas enfermidades. Creo que nos pasou a moitos unha vez que se foron eliminando as medidas pola covid. Malia iso, din un paso adiante como ciclista. Estiven máis arriba nas carreiras, conseguín mellores resultados e tiven máis responsabilidade no equipo.
A saúde foi un problema este ano?
Pasei a covid a principios de ano nunha concentración co equipo. Despois, unha mononucleose, que foi peor: xusto un mes antes da Vuelta. Houbo momentos nos que estaba moi ben de forma, pero os problemas de saúde impedíronme render ao máximo.
Cales foron os teus mellores momentos este ano?
Estiven ben no Gran Camiño e na Volta a Catalunya. Despois sufrín algunha caída e enfermidades. Foi unha mágoa chegar así á Vuelta, porque este ano sabía como se ía correr, como hai que moverse, e xa teño a resistencia para poderme mover. Na última parte da tempada, tiven un bo resultado no Tour de Vendée, a primeira fin de semana de outubro, onde quedei no posto 14. As carreiras dun día son un terreo a explorar para min. Tamén me gustaría seguir mellorando nas contra o reloxo [foi décimo no campionato de España a finais de xuño].
Tiven un bo resultado no Tour de Vendée, a primeira fin de semana de outubro, onde quedei no posto 14. As carreiras dun día son un terreo a explorar para min.
Onde sufriches máis?
Na Vuelta, entre finais da segunda semana e principios da terceira, cando máis enfermo estaba. Despois tiven algunhas caídas. En Turquía, por exemplo, os finais son terríbeis. Pero tes que estar aí, no sprint.
Como fas neses momentos de sufrimento para non abandonar?
Pois, simplemente, non pensas en abandonar. Pásase moi, moi mal, pero en calquera carreira. Se estás enfermo, sofres; e se estás san, sofres para ir máis adiante. O ciclismo é saber sufrir. A idea é chegar o máis adiante posíbel mentres o corpo adiante.
A próxima tempada quero empezar a gañar. Sei que é moi difícil, que en calquera carreira vou ter rivais de primeiro nivel. Pero se a saúde me respecta... intentareino.
Como lle foi ao equipo na tempada e como che vai a ti no Euskaltel?
Da Vuelta saímos moi contentos, distribuíse ben o traballo en función das características de cada corredor e conseguimos bastante presencia. Tamén foi importante pasar polo País Vasco. Foron días de moita tensión e concentración. Eu estou moi cómodo no Euskaltel Euskadi. É un sitio bo para crecer. Déixanme traballar, permítenme ter o meu adestrador e o meu nutricionista. Non me meto moito nos plans de futuro do equipo, pero penso que hai intención de ter continuidade e quen sabe se poder aspirar algún día ao World Tour.
Cambiarás os obxectivos para o ano que vén?
Quero estar máis adiante, si. A próxima tempada quero empezar a gañar. Sei que é moi difícil, que en calquera carreira vou ter rivais de primeiro nivel. Pero se a saúde me respecta... intentareino.
Que che falta como ciclista para empezar a ter palmarés?
O que me falta é andar máis. Ao final, se tes pernas, estás adiante. Eu penso que xa me sei mover no pelotón, pero aínda me falta ese punto de calidade para aspirar a gañar. Con 21 anos, penso que a cousa vai ben, a carreira dun ciclista profesional é longa. Vou progresando. Sen présa. Podo pensar ao longo prazo e no equipo que estou é máis fácil poder facelo.
Dis que no Euskaltel vos deixan crecer, mais que din cando ven corredores como Ayuso ou Carlos Rodríguez gañar sendo tan novos?
Non temos presión por iso. Por unha parte, porque do que se trata non é tanto crecer moi rápido, senón de cada ano progresar, non te estancar. Doutra parte, porque eses corredores están en estruturas como UAE e o Ineos. Son estruturas con todos os medios, medios ilimitados... Non só conta a calidade do corredor, tamén contan os medios dos que dispoña para elevar o rendemento ao máximo.
É intelixente esa estratexia?
Na miña opinión, o que hai que facer é respectar os tempos de crecemento dos ciclistas. Pero neses equipos non se fai porque necesitan o máximo de cada un xa. Habería que buscar o equilibrio entre andar ben e respectar os tempos. A Enric Mas, con 27 anos, parecía que o ían retirar. Pero resulta que Mas está na idade de dar os seus mellores anos como ciclista.
A que corredor dos actuais te pareces?
Gustaríame parecerme a Jesús Herrada... De momento, son o Jesús Herrada de AliExpress.
O teu compañeiro, Luis Ángel Maté, prometeu plantar unha árbore por cada quilómetro en fuga na Vuelta. Plantarás ti algún tamén?
Non. Iso é cousa del. Eu estiven nunha fuga na etapa de Estepona.
E como vai iso de coller unha fuga?
Pois, a paus todo o tempo. Até rebentar. Collela cando xa estás morto. E a sufrir... a tope até onde chegues.
E, un sprint?
Uf! Non hai nada máis perigoso. [Di Carlos mentres levanta as mangas do xersei e mostra os brazos cheos de golpes].