Atios, 4; Antela, 0.

FÚTBOL A LIMIA | O Antela cae nun campo-trampa

Juáncar intenta rematar un saque de esquina durante o Atios-Antela deste domingo.

Entre episodios de choiva e raiolas, moi preto do mar de Vigo, nun día de outono con temperatura de primavera, nun campo de herba artificial metido entre nubeiros e cuíñas plantadas de piñeiros, a fortaleza do Atios, un deses equipos dos que se di que teñen oficio, o Antela continuou o seu proceso de crecemento e hoxe tocou apañar unha goleada esaxerada. O equipo repúxose aos goles, a un árbitro irritante, a un rival que perdeu todo o tempo que quixo para romper un ritmo dun Antela que estivo como a tarde: un anaco con luz, outro anaco ofuscado, e acabou vencido, pero en pé.

O Antela é un novato que non foxe do corpo a corpo ante rivais experimentados e avesos. O Atios golpeou dúas veces con acerto, unha empezando a tarde e outra pouco antes do descanso. Foi máis rápido e contundente en cada disputa durante os primeiros 45 minutos e aí rematou o partido. Pero o Antela, novato, negouse, e repúxose a súa sorte... Non aceptou a derrota e foi vencido con honra e un saco de goles. 

Así é a vida en Preferente. Hai que pagar algunhas peaxes. A dun mal arbitraxe, por exemplo. Pedro chocou cun rival que se lle ía, e os locais pediron penalti. O arbitro non pitou, mais seguiu mascando a xogada até que viu un córner onde non o houbo. O saque de esquina acabou en gol. E o Antela quedou sen tempo para probar o plan inicial. 

Carlos intenta controlar un balón de costas á meta local.

O Antela empezara o partido esperando atrás. Con Joni e Romero nas bandas listos para a contra. A táctica era a mesma que valeu tres puntos diante do Umia. Pero non funcionou. Primeiro, porque o Antela foi incapaz de ligar tres pases seguidos. Despois, porque o Atios contrarrestou a aposta visitante cun medio campo moi agresivo e uns extremos que percutiron sempre até abrir o camiño polos laterais. O Atios cargou o xogo por fóra e así descoseu a zaga limiá. 

O Antela é un novato que non foxe do corpo a corpo ante rivais experimentados e avesos.

Despois do gol inicial, o Atios repregou e o Antela tivo balón e encontrou espazos. Respiraron os laterais (hoxe, Adrián e Teixeira), apareceron Pedro e Peral, conectaron con Joni e Romero... o tramo medio da primeira parte foi do Antela. Até que nunha contra, de novo pola esquerda do ataque local, o Atios volveu golpear. 

Na segunda metade o Antela meteu unha marcha máis. Avanzou liñas. Gañou máis disputas. Tivo o balón (e cando ten o balón, o Antela xoga). Despregouse dándolle vida aos extremos... pero morreu á beira das áreas, mar de Vigo... O Atios goleou de novo na seguinte ocasión que tivo. Suso, perfecto até ese momento, mediu mal unha saída que acabou co dianteiro local rematando a porta baleira.

Faltaban case corenta minutos e Sabucedo refrescou o equipo. O Antela seguiu valente, guerreiro, buscando a meta rival pero morrendo sempre ao borde da área. O Atios tampouco cambiou o guión. Parou o partido todo o que quixo, e mesmo conseguiu que o árbitro consentira en que o porteiro local fose buscar o balón cada vez que saía pola liña de fondo, ou que un empregado do club negase a pelota a Teixeira nun saque de banda co partido 3-0. 

O Antela meteu unha marcha máis. Avanzou liñas. Gañou máis disputas. Tivo o balón (e cando ten o balón, o Antela xoga). Despregouse dándolle vida aos extremos... pero morreu á beira das áreas.

O cuarto gol local chegou no minuto noventa, despois de que Guede aparecese no campo para mostrar que tamén é valente, guerreiro e que morrerá buscando a meta rival. Tamén apareceu Tazos, con ganas de se deixar ver. Terá o seu papel. Guede e Tazos, o mesmo que Fabio e Juáncar, tamén se reivindicaron guerreiros e valentes.

A de hoxe foi a cuarta derrota do Antela en sete xornadas.

Anoten a cita na segunda volta contra este Atios, que hoxe foi superior e impuxo as súas armas. O Antela merece o desquite, outra arbitraxe e un partido enteiro. Anoten a lección para próximas citas, o Antela xa ten a marcha de máis que precisa na Preferente, agora debe aprender a sortear os campos-trampa como o desta tarde preto de Vigo entre piñeiros e neboeiros, a fortaleza de futbolistas con calva e moita mili*.  

* Para os máis mozos, que descoñecen o que foi a ‘mili’ que tanto lle fodeu a mocidade a uns cantos galegos (todos os que acabaron en sitios como Ceuta ou Melilla, por exemplo), aquí a entrada na Wikipedia [https://es.wikipedia.org/wiki/Servicio_militar_(Espa%C3%B1a)].

** A última ‘mili’ duraba nove meses. 

FICHA TÉCNICA

CLASIFICACIÓN