miércoles. 24.04.2024

Óscar Sabucedo convocou 17 xogadores para a viaxe a Ribadumia, onte o Antela medirase mañá (12:00 horas) ao Umia en partido correspondente á quinta xornada de Liga no grupo sur da Preferente galega. Volven Dalama, o porteiro suplente, e Adrián, que debutou diante do Pontevedra B e despois continuou a tempada co filial. Tamén viaxan David Lamas, convocado xa a semana anterior, e Suso e Noel, que acusan problemas físicos.


Os 17 futbolistas que buscarán os primeiros puntos fóra da casa nun campo de herba artificial de dimensións máis reducidas que o Fernández Carrera son todo o que ten Sabucedo a estas alturas. O pase internacional de Miguel Peral aínda segue en curso. A data definitiva parece ser o 13 de outubro, cando se cumpra o mes desde que se tramitou desde a Delegación ourensá, segundo o club. 


Tamén son baixa os lesionados Anxo e Tumbeiro, ambos dianteiros. Anxo participou nun adestramento mais tivo que retirarse. E por vacacións están ausentes Fabio e Tazos. Esta semana rexistrouse ademais a baixa de Sergi. O Antela busca un dianteiro. 


A lista está composta por Suso e Dalama (porteiros); Peque, Romero, Teixeira, Juáncar, Breixo e Quintairos (defensas); Noel, Xabi Lamas, Pedro, Xosé e Adrián (medios); Carlos, Borja, David Lamas e Joni (dianteiros). Un once probábel é o que forman Suso; Romero, Breixo, Quintairos, Teixeira; Noel, Xabi Lamas, Pedro; Carlos, Borja e Joni. 


A última sesión preparatoria, onte venres, de novo no Fernández Carrera como toda a semana, centrouse en exercicios de velocidade. Despois, Sabucedo deu indicacións sobre como defenderá o Antela, máis repregado. O adestrador advertiu aos xogadores que se precisa máis intensidade e concentración para competir na Preferente. “Se o conseguimos, podemos gañar a calquera”, asegurou na charla. O Antela procura unha marcha máis no momento da tempada que anda máis escaso de recursos. 


SEGUNDA 
No grupo terceiro da Liga de Segunda, o Antela Xinzo recibe hoxe (16:00, no Fernández Carrera) ao Maceda. O equipo de Toncho perde a Adrián e David Lamas, convocados co primeiro equipo, mais poderá contar con Brais para a portería. O Maceda é un rival directo na loita polo ascenso e chega con tres vitorias en catro partidos. 


Os líderes, Piñeira Seca e Vilar de Barrio, xogan o domingo como visitantes e contra outros dos candidatos ao ascenso. O Piñeira Seca, que suma 17 goles nas catro primeiras xornadas (Sotelo e Figueiredo, 5 cada un), visita ao Rúa no Vicente Solarat ás 17:00 horas. O Vilar de Barrio xoga á mesma hora nas Carrelas contra o Viana. Tamén ás cinco da tarde do domingo xoga o Sarreaus, que rende visita ao Trives. 


XUVENÍS E CADETES
O xuvenil do Antela visita ao Maceda o domingo ás 11:30 horas. O Maceda gañou os dous partidos nas primeiras dúas xornadas de competición. O equipo cadete B das Escolas Deportivas de Xinzo visita este sábado (10:30 horas, Campus Universitario de Ourense) ao Club Deportivo La Purísima. O cadete A recibe hoxe (12:00, no Fernández Carrera) ao equipo B do Ourense C.F.
 

FÚTBOL A LIMIA | O Antela procura unha marcha máis