Venres. 29.03.2024

Borja Tazos, un dos futbolistas que ofreceu mellor rendemento na parte final da tempada, foi o último dos titulares de Sabucedo en renovar. O Antela arrancará a próxima Liga en Preferente coa maioría do cadro de xogadores que gañaron o ascenso (entre os habituais no once só faltarán Pancho e os Forri). 


Tazos, que cumprirá 33 anos en decembro, volverá a Preferente, categoría na que debutou con 20 anos e na que xogou oito tempadas en seis equipos diferentes. A pasada tempada no Antela, Borja Tazos volveu ter protagonismo como titular. Despois dun ano case en branco no Ourense F.C. e outro sen xogar pola pandemia, Tazos conseguiu continuidade no lateral zurdo e acabou a campaña facendo goles na fase de ascenso e na Copa Deputación. Ofensivamente é un futbolista notábel, por condicións técnicas e físicas. 


Coa renovación de Tazos, o once que aliñou Sabucedo no último partido da tempada diante do Barbadás seguirá xunto no inicio do camiño en Preferente: Suso, Peque, Breixo, Quintairos, Tazos, Xabi Lamas, Carrasco, Pedro, Sergi, Borja e Joni.


O mes pasado, o Antela fichou catro xogadores: Noel (mediocentro), Romero (defensa), Miguel e Carlos (dianteiros), e anunciou a incorporación de dous futbolistas formados na Moreira e que veñen de rematar a súa etapa xuvenil no Pabellón de Ourense: Adrián e Anxo


O club traballa en dúas liñas para as incorporacións: unha, futbolistas da Limia ou da contorna; e a outra, xogadores que xa adestraron ás ordes de Sabucedo ou son do perfil que demanda o técnico. A intención da directiva é cubrir tres postos máis: un porteiro, un central e un centrocampista.


VINTE FICHAS E UN FILIAL SUB’23
O primeiro equipo tería ao redor de 20 futbolistas se finalmente o Antela consegue crear un equipo filial, de tal modo que habería máis xogadores (os sub’23) a disposición de Óscar Sabucedo tanto para adestrar como para competir. O club negocia en paralelo a subvención do Concello de Xinzo de Limia e un acordo coas Escolas Deportivas para crear ese filial.


O equipo filial arrancaría en Segunda galega, na praza das Escolas se hai acordo. En principio esa será a última categoría federada en Ourense, dado que a pasada tempada inscribíronse 42 equipos en Segunda e a federación galega esixe 48 para volver a activar unha competición de Terceira.


A pasada tempada, a federación galega abriu o prazo para inscrición de equipos o 21 de xullo, que no caso da Segunda galega se estendeu até o 31 de agosto. Polo momento, a negociación entre as Escolas e o Antela están paradas á espera de que se reincorpore o concelleiro de Deportes tras as súas vacacións e o regreso do presidente das Escolas dunha viaxe de traballo.

FÚTBOL A LIMIA | Borja Tazos tamén seguirá na Moreira