viernes. 19.04.2024

O Antela foi mellor, dominou o partido, deu a impresión de estar sempre un corpo por riba do rival técnica, táctica e fisicamente... pero defendeu mal dúas xogadas, segundas accións ao borde da área, e por iso perdeu no Marco contra A Peroxa, novo líder despois desta xornada, seis puntos por riba dos de Óscar Sabucedo, unha diferencia difícil de remontar na loita polo ascenso a Preferente. 

O Antela fixo un gran traballo sen premio ningún. E iso é o que se leva deste partido: a confirmación de que está en condicións de disputar a praza de ascenso. Mais falta un punto. De sorte, dirán algúns. De decisión, pensarán outros. Faltou ese punto. Ese punto máis dun Pedro que finalmente apareceu no once e resistiu os case 100 minutos de fútbol pero un tanto diminuído.

O Antela perdeu o partido nas áreas. Todo o demais estivo baixo control dos de Óscar Sabucedo.

No minuto 8, concedeu un gol nun control dun dianteiro local que deixou para a chegada desde atrás de Dacosta, quen rematou sen oposición. Á hora de partido, nunha acción similar despois dunha xogada a balón parado, Sousa fixo o segundo tanto local.

Entre eses dous erros, o partido foi todo do Antela, que tardou cinco minutos en repoñerse do primeiro golpe, o que tardou Sergi en devolver o empate ao marcador cun remate de cabeza despois dun córner. Desde ese momento, os de Sabucedo empezaron a despregar o seu repertorio: presión adiantada, balón polo céspede, profundidade... e mesmo ocasións cun Borja inmenso no traballo de estirar o equipo. 

Faltoulle ese punto aos visitantes para remontar e cargar máis presión sobre un rival que se parece moito ao Vilariño que pasou pola Moreira a semana pasada. Os locais empurraron ao final e Dacosta, o seu mellor home na primeira parte, inquietou a Suso. Co tempo cumprido, nun córner puido marcar A Peroxa. O gol salvouno Breixo no segundo pau. 

A Peroxa. Antela. fase de ascenso a Preferente (1) marzo 2022
Minutos finais. Marcio, co balón. Pedro, á dereita, lamenta a ocasión perdida para empatar.

Debería ter servido de aviso. Diante de rivais como este, cómpre non se durmir. O Antela perdeu o balón na segunda parte. Son minutos delicados eses. Polo menos polo visto nos últimos partidos. Os de Sabucedo propoñen e acaban por se impoñer no xogo, mais entran en lagoas das que tardan en volver. Así que á volta do descanso o partido estaba no rego do A Peroxa. E así chegou o 2-1.

Diante de rivais como este, cómpre non se durmir. Os de Sabucedo propoñen e acaban por se impoñer no xogo, mais entran en lagoas das que tardan en volver.

O Antela perdeu o sitio, rebaixou a presión, Borja quedou en terra de ninguén. Sabucedo moveu o cesto con Carrasco, Samuel nunha banda e os Forri. Restaban 15 minutos e os visitantes conseguiron recompoñerse. Mesmo Pedro e Borja pareceron recobrar forzas. 

A acometida final mereceu máis premio. Con Quintairos metido entre os centrais, o Antela recorreu ao xogo directo. Empurrou ao rival contra a súa propia área. Chegaron as ocasións, mais as mellores (Pedro, nun disparo mordido que tocou un defensa, e Samuel que cruzou demasiado un remate nun cara a cara con Marcio) foron produto do xogo combinativo. Faltou ese punto... de sorte?, de decisión?

A Peroxa. Antela. fase de ascenso a Preferente (2) marzo 2022
Borja non chega a un balón que terminará sendo rexeitado polo meta local, Marcio.

O Antela custoulle crecer até onde está a estas alturas de tempada en canto a xogo e condición física. Falta ese punto de convicción. O ascenso está difícil. O fútbol, téñeno... ás veces non basta, o traballo tamén... hoxe non foi suficiente. Faltan seis partidos, o ascenso está difícil. Clase e compromiso non han faltar. 

FICHA TÉCNICA

A PEROXA: Marcio, Juan José, Abel, Alejandro, Bello, Sousa (Barros, 70’), Dos Santos, Dacosta (Brian, 80’), Bruno, Oliver (Marcos, 89’) e Iago Yebra (Nogueiras, 84’).

ANTELA: Suso, Peque (Juan 78'), Breixo, Quintairos, Borja Tazos (Juan Forri, 75’), Pancho (Carrasco 65'), Xabi Lamas (Pablo Forri, 83’), Pedro, Sergi, Borja (Germain, 90’) e Joni (Samuel, 73’).

GOLES: 1-0, Dacosta (8'). 1-1, Sergi (13’). 2-1, Sousa (59’).

ÁRBITRO: Álvarez Yzquierdo. Amarelas a Joni (40') e Breixo (90'), tamén amonestou ao segundo adestrador, Lameiras, por parte visitante; e Juan José (36'), Bruno (90'), Iván (90'), Marcos (90') e Andrade (90') polos locais. Auxiliado por Prendes Cacabelos e González Rey.

ESTADIO: O Marco (A Peroxa). Uns 200 espectadores.

OUTROS RESULTADOS


Maside, 2; Barbadás B, 0.
Carballiño, 4; Celanova, 4.
Vilariño, 3; Allariz, 2.

CLASIFICACIÓN


1.º A Peroxa, 11 puntos; 2.º Celanova, 9 puntos; 3.º Allariz, 6 puntos; 4.º Vilariño, 6 puntos; 5.º Antela, 5 puntos; 6.º Maside, 4 puntos; 7.º Carballiño, 3 puntos; e 8.º Barbadás B, 1 punto.

FÚTBOL A LIMIA | Gran traballo sen premio ningún