Pablo Losada, presidente do Antela, di que Óscar Sabucedo, o técnico, “é a primeira opción para a próxima tempada”

FÚTBOL A LIMIA | “Somos un equipo solvente e un club solvente”

Pablo Losada, presidente do Antela, este martes na praza de Xinzo.

Minutos antes do partido do pasado domingo no campo do Vilariño, Pablo Losada pregunta polo maletín de primeiros auxilios. Conversa con Óscar Sabucedo, o adestrador, a pé de campo. Despois sube á grada e consume os nervios entre chanza e chanza dos afeccionados locais. 

O martes atende ao Diario do Limia na praza de Xinzo e vence o pudor para gravar un breve clip no que el lanza o berro, Forza Antela!

O Antela xógase este domingo (18:00 horas na Moreira, diante do A Peroxa) moitas das súas opcións de agarrar esa praza de ascenso a Preferente, un salto mortal para os clubs modestos. Pero o Antela, 102 anos de historia, 103 para xuño, non sofre a vertixe.

“Somos un equipo solvente”, responde rápido á pregunta de como ve ao Antela nesta fase final de tempada. “Os adestradores e os xogadores están moi enchufados, teñen capacidade de abondo para conseguir o ascenso, mais desafortunadamente xa non dependemos de nós. Pero han facer o seu traballo. Xa sei que é unha frase feita, pero só podemos ir partido a partido”.

“Somos un club solvente”, di Pablo Losada mirando un pouco máis alá, á tempada que vén, toque Primeira toque Preferente. O club conta con 500 socios, aspira a seguir aumentando a masa social, e dispón dun cadro de patrocinadores fiel. Coas institucións tamén hai boa sintonía. “O Antela, como club, tamén está sólido, robusto”, asegura o presidente.

“Cando chegamos, hai un par de anos, decidimos que a base do primeiro equipo ten que ser limiá. Este ano houbo xogadores do xuvenil que deron o salto. E iso tamén dá seguridade”, explica Losada, que tratará, di, de mellorar a colaboración coas Escolas Deportivas, onde está agora mesmo o futuro da canteira, alén dos limiaos que proban sorte en clubs de Ourense. 

No cadro de xogadores a prioridade é manter a política de canteira. “Hai unha serie de xogadores que rematan na categoría xuvenil e xa temos falado con eles para que fagan a preparación co Antela e poidan convencer ao adestrador de que poden xogar no Antela”

A respecto do cadro técnico, o presidente do Antela confesa que tanto a súa directiva como el mesmo están satisfeitos co traballo desenvolvido polo técnico, Óscar Sabucedo. “O resultado está á vista. Terémonos que sentar e falar, por suposto. Mais a día de hoxe, si: Óscar é a nosa primeira opción”. E precisa: “como seguidor, gústame como está xogando o equipo, ese é o fútbol que a xente quere ver na Moreira”.

O domingo (18:00 horas) visita A Moreira o único equipo que foi capaz de dobrar ao Antela nesta fase final. Quintairos, o central, volveu adestrar onte. Sabucedo volve contar con todos os titulares, e a maiores van aparecendo relevos. O Antela séntese no seu mellor momento da tempada. Mais a súa sorte dependerá tamén da sorte do Allariz