Xoves. 28.03.2024

“Como galegas e galegos padecemos, froito do sometemento que sufrimos, de falta de autoestima colectiva. Todo o que nos identifica e nos fai galegos e galegas prohíbese, ocúltase ou trátase como irrelevante. É dicir, subordínase ao de fóra, ao alleo”, di o Manifesto pola Oficialidade, o discurso que sostén a exposición Un pobo, unha selección, unha reivindicación da co-oficialidade das seleccións deportivas galegas para competir a nivel oficial e internacional.


A mostra, organizada polo movemento Vía Galega e financiada pola Deputación de Pontevedra, pode verse durante todo este mes e até o 2 de xuño nos baixos da Casa da Cultura de Xinzo de Limia.


Trátase de paneis informativos nos que se reflicten visualmente argumentos a prol desa co-oficialidade: o dereito a competir, o rol de Seareiros Galegos, a historia centenaria da selección galega de fútbol e os xogadores históricos do país, o fútbol gaélico, as estrelas galegas en disciplinas minoritarias, os éxitos olímpicos ou as disciplinas propias de Galicia.


Así, a exposición transita desde a billarda, a chave, a loita galega e os bolos celtas até David Cal, Gómez Noya, Ana Peleteiro e os fitos que marcaron no seu día Ramos Misioné, Delio Rodríguez, Álvaro Pino e Marta Bobo.

Expo Selección Deportivas. Vía Galega (4)
A exposición está organizada e deseñada por Vía Galega.

As deportistas galegas teñen o seu propio bloque temático, no que se poñen de relevo figuras como Xulia Vaquero, que recentemente volveu a competir como afeccionada, ou o futuro que representa Belén Toimil.  


Tamén hai espazo para o deporte paralímpico. E tamén se explica a función da iniciativa do movemento Vía Galega no eido deportivo: “A existencia de Vía Galega non é outra máis que a defensa dos dereitos nacionais de Galiza. Somos un Pobo, somos unha Nación. No entanto, a falta de soberanía política e a nosa subordinación e dependencia impídenos competir coas nosas seleccións e baixo bandeira galega”.


O Manifesto no que se concretan as reclamacións ten entre os seus primeiros asinantes a Fernando Vázquez, Alexandre Sanmartín e Pablo da Silva (adestradores, respectivamente, das seleccións galegas masculina e feminina de fútbol gaélico), Pili Neira (ex adestradora da selección feminina de fútbol), Xulia Vaquero, Antón Ruanova (triatleta) e Cristina Fernández Piñeiro (árbitra internacional de balonmán), entre outras. 

Expo Selección Deportivas. Vía Galega (6)
A exposición presenta un amplo apartado sobre a historia da selección masculina de fútbol.


“As seleccións nacionais deportivas representan todo un pobo, danlle acougo a un sentimento colectivo, alimentan o sentir e o orgullo de pertenza a unha colectividade, a unha nazón”, advirte o Manifesto. A Irmandiña, a selección masculina de fútbol, tal e como se nomea na exposición, non xoga desde o 20 de maio de 2016, e antes botou outros oito anos sen se convocar.

NOTICIAS A LIMIA | Galicia reivindica en Xinzo seleccións deportivas propias