lunes. 09.12.2024

Triatlón, xogos de mesa, lanzamentos, birlos celtas cegos, chave, brilé, turra-soga, carreiras de relevos, billarda e loita galega son as dez modalidades deportivas que conforman o programa das Olimpiadas Rurais 2022 organizadas polo Colectivo Ras, coa colaboración do CIX de Xinzo e Galiza Nova, e que se celebrarán este sábado, 27 de agosto, na alameda do Toural en Xinzo.


As Olimpiadas volven dez anos despois da anterior edición na Moreira. Comezarán ás 10:00 horas coa recepción dos equipos (equipos mixtos de entre 6 e 10 participantes, que deberán abonar unha inscrición de 10 euros). Para as 11:00 está prevista a proba de Triatlón (carreira de 100 metros + carreira de 2,5 quilómetros + carreira de mountain-bike de 7,5 quilómetros) na que polo menos un dos relevos debe ser realizado por unha muller. 


Ás 11:30 iniciaranse os xogos de mesa (parchís e tute) por sistema de liga e catro participantes por equipo. Ás 11:45, por parellas mixtas, terán lugar as probas de lanzamento. Desbotouse a idea inicial do lanzamento de pataca. Haberá lanzamento de penedo e lanzamento de sacho.


A mañá rematará coas probas de birlos e de chave. Despois haberá un descanso de dúas horas, até as 16.00, cando dará comezo a xornada de tarde coa competición de brilé (seis persoas por equipo). Para as 17:15 está programada unha das probas máis espectaculares: o turra-soga, cun máximo de sete participantes por equipo e un sistema de eliminatorias.

Despois (18:00) disputaranse as carreiras de relevos, con probas de sacos, á carreta, ao chico, pincha sapos e a carreira pataqueira. Para as 19:00 horas programouse a billarda, por parellas (preferentemente mixtas). E, como peche, a loita galega, con catro categorías segundo peso (dúas femininas e dúas masculinas). Haberá un descanso e ás 22:30 horas comezará a foliada e a entrega de premios.


Para se anotaren, os equipos poden dirixirse ao CIX ou, a través do Instagram, ao Colectivo Ras (@ras_xinzo).

Olimpiadas xogos rurais 2022 (1) (FILEminimizer)

NOTICIAS XINZO | Dez xogos comporán as Olimpiadas Rurais este sábado no Toural