viernes. 19.04.2024

A sede coruñesa do PSdeG-PSOE acollerá mañá sábado unha xornada de formación para cadros das Xuventudes Socialistas e simpatizantes, no marco da Escola de Formación de Verán que o partido organiza no país. Entre os convidados a impartir esa formación está o limiao Iván Olmos Ferreiro (Ourense, 1994), graduado en Comunicación Audiovisual pola USC e cun mestrado MBA ademais da súa experiencia como asesor e candidato en procesos electorais recentes.


“Estarei con Isa Martínez, na xornada de tarde. Eu non son militante socialista, Isa si, mais agradezo o convite como experto en comunicación política. E esperamos desenvolver un taller dunhas catro horas de duración, con xogos de rol e simulacións. Do que se trata é de mostrar algunhas ferramentas aos cadros para enfrontarse a unha entrevista xornalística, a unha rolda de prensa, a un mitin ou mesmo a unha intervención nun pleno”, explica Iván Olmos.


Baixo o título de Municipalismo e Sociedade, na xornada intervirán entre outras as alcaldesas da Coruña, Inés Rey, e Lugo, Laura Méndez, e xunto a elas, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama. Despois da apertura, as alcaldesas socialistas (cinco son as convocadas) conversarán cos militantes sobre feminismo na xestión municipal. 

Iván Olmos Ferreiro. Consultor en comunicación política (1)
Iván Olmos Ferreiro.

Iván Olmos, que no 2015 participou como asesor (e candidato no número 8 da lista) de Xinzo Adiante nos comicios municipais nos que a formación conseguiu tres actas e no 2019 foi candidato ao Congreso por Ourense con En Marea, coincidirá na sesión de tarde cun dos pesos pesados na comunicación dentro da estrutura socialista en Galicia: José Manuel Lage, na actualidade concelleiro na Coruña e un dos asesores do secretario xeral do PSdeG, Valentín González.

NOTICIAS A LIMIA | Iván Olmos impartirá formación ás Xuventudes Socialistas nunha...