sábado. 05.10.2024

A asemblea local do BNG de Xinzo de Limia designou a Camilo Vila para encabezar a candidatura nacionalista nas eleccións municipais do próximo mes de maio. O BNG dá así o primeiro paso na anunciada renovación da lista electoral e coloca á fronte un licenciado en Pedagoxía que desde o ano pasado traballa na área educativa e de dinamización comunitaria do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso.


Camilo Vila García naceu no 1985 en Boado, Xinzo de Limia. A súa familia ten unha pequena explotación pataqueira. Estudou no Serxio Mascareñas (hoxe, Carlos Casares) e no Cidade de Antioquía, antes de marchar primeiro a Vigo, onde se diplomou en Educación Social pola Universidade de Vigo, e despois a Compostela para licenciarse en Pedagoxía Social pola USC. 

Remate da asemblea local deste mércores, coas responsábeis locais do BNG e Galiza Nova, Ramiro Rodríguez, Camilo Vila e Bieiro Lobeira, o secretario de Organización
Remate da asemblea este mércores no local do BNG en Xinzo. Na imaxe, as responsábeis locais do BNG e Galiza Nova en Xinzo, Ramiro Rodríguez (concelleiro de Cultura), Camilo Vila e Bieito Lobeira, o secretario de Organización do BNG. | FOTO: BNG.

Traballou sete anos como educador no Sistema de Protección de Menores, principalmente en Compostela, e despois como orientador para a inserción laboral na Coruña durante tres anos antes de regresar á Limia. Ex xogador do Antela, tamén participou dende rapaz en movementos asociativos e centros sociais. 


Camilo Vila substitúe a Ramiro Rodríguez, actual concelleiro de Cultura e que encabezou a lista do BNG nas dúas últimas convocatorias municipais. Vila empezou a soar con forza como candidato despois da súa presencia ao lado de Ana Pontón e Ramiro Rodríguez na visita da portavoz nacional do BNG o pasado mes de abril a Xinzo. 

A partir de agora, segundo avanzan fontes da organización nacionalista, Vila e Rodríguez coordinaranse na acción política do BNG en Xinzo. Antes do verán, Vila xa dirixiu a campaña nacionalista de encontros con veciñas e veciños dos núcleos do rural.


As mesmas fontes indican que Vila podería recuperar para a candidatura nacionalista a históricos da organización como Lucía Nóvoa e Xosé Lois Carreira, así como incorporar á lista a militantes de Galiza Nova, que se foi reforzando desde as galegas de 2020 nas que o BNG foi a segunda forza máis votada en Xinzo.

NOTICIAS XINZO | Camilo Vila, traballador do CDR O Viso, será o candidato do BNG á...