lunes. 11.05.2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, comprometeuse hoxe a incrementar os controis ante o acordo entre a Unión Europea e o Mercosur. Neste contexto, avanzou tamén unha estratexia para reforzar a promoción dos produtos galegos, tanto en xeral como daqueles de calidade diferenciada, un labor para o que citará aos representantes da distribución, considerados unha parte esencial da cadea de valor.

 

Estas declaracións realizounas nunha reunión mantida en Ourense con representantes da Asociación do Sector Primario de Galicia, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo. O encontro, que se suma ao celebrado con este mesmo colectivo o pasado 5 de xaneiro, enmárcase nos contactos permanentes que mantén a Xunta de Galicia co sector. De feito, mañá está prevista outra xuntanza con gandeiros de Lugo e o venres celebrarase a primeira reunión da comisión de traballo sobre a futura PAC no seo do Consello Agrario, na que tamén se abordará o asunto do Mercosur.

 

Con estas citas, o Goberno galego pon de manifesto que está ao carón do sector primario e que é sensible ás súas demandas. Ademais, tratáronse outros asuntos de interese local, provincial e sectorial relacionados cos distintos ámbitos representados na reunión. Ao fío do acordo co Mercosur, a conselleira insistiu en esixir —como xa fixo en repetidas ocasións publicamente e ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación— que calquera produto que entre en España cumpra os mesmos requisitos sanitarios que os produtores da Unión Europea, que ademais contan con garantías adicionais de calidade e sustentabilidade que achegan un valor diferencial aos seus produtos.

 

Gómez avanzou que o reforzo dos controis debe ir acompañado de unha intensificación das inspeccións na fronteira, competencia do Goberno central. En relación coas cláusulas de salvagarda, subliñou que son imprescindibles para a Xunta de Galicia e que deben quedar garantidas en todo momento no acordo, polo que se segue instando ao Goberno de España a defender este punto con maior esixencia.

 

No relativo á Política Agraria Común, a conselleira avalou a redución da burocracia, dos requisitos e a simplificación desta política. De cara á futura PAC posterior a 2028, reiterou que a proposta da Comisión Europea non é boa para o sector primario galego, xa que supón un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais que blindan tanto as axudas directas como as partidas de desenvolvemento rural. Por este motivo, comprometeuse a seguir defendendo un cambio na proposta comunitaria ante o Ministerio e en Bruxelas, sendo este o principal asunto que se abordará este venres no Consello Agrario.

 

En materia de sanidade animal, Gómez incidiu no compromiso do seu departamento para manter o excelente status sanitario da cabana gandeira galega. En relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), trasladou unha mensaxe de tranquilidade ao sector, lembrando que en España esta doenza só está presente na provincia de Girona. Asemade, reafirmou a reclamación ao Ministerio dunha maior coordinación a nivel nacional para impulsar medidas homoxéneas entre comunidades, así como que lidere no ámbito da UE unha vacina marcada de uso preventivo, solicite o cambio de categoría da enfermidade —rebaixándoa da categoría A— e contemple indemnizacións contundentes para os gandeiros afectados. En todo caso, asegurou que, se se detectase algún caso en Galicia, a Xunta está preparada grazas a un plan de actuación xa elaborado.

A Xunta reforzará os controis e a defensa do sector primario fronte ao acordo UE-Mercosur