lunes. 11.05.2026

Tras a concentración celebrada este luns diante da Delegación do Goberno na Coruña, o Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL) trasladará formalmente o rexeitamento rotundo do sector primario galego ao acordo UE-Mercosur en Bruxelas. Esta interlocución levarase a cabo a través da Comisión Europea e as aliadas da Coordinadora Europea Via Campesina, co obxectivo de frear un tratado cuxa sinatura está prevista para este venres 17 de xaneiro en Paraguai.

Desde o sindicato denuncian que este acordo é devastador para a agricultura familiar, xa que entrega a produción de alimentos aos intereses das grandes transnacionais e do agronegocio. O tratado permitirá a entrada sen aranceis de 99.000 toneladas anuais de carne de bovino e 100.000 de polo, o que supón unha competencia desleal inasumible para as granxas galegas, cuxas dimensións son moito menores que as explotacións de Uruguai ou Arxentina.

Brais Álvarez, responsable de Acción Sindical do SLG, advirte ademais sobre un grave problema de saúde pública e seguridade alimentaria. En países como Brasil están autorizados 150 praguicidas prohibidos na UE pola súa perigosidade, substancias que poderían rematar nas mesas europeas debido á relaxación dos controis. Así mesmo, o sindicato alerta de que o tratado contradí os obxectivos climáticos da UE, ao fomentar a deforestación da Amazonía para o monocultivo de soia e caña de azucre.

Ante esta situación, o SLG esixe á Xunta, ao Goberno central e á UE a oposición total ao acordo e a formación dunha minoría de bloqueo no Parlamento Europeo. A organización asegura que non negociará cláusulas adicionais, xa que o tratado compromete a capacidade da cidadanía para controlar a procedencia e o prezo do que consome, convertendo un dereito esencial nunha mercancía controlada por poucas empresas.

O SLG trasladará a Bruxelas a oposición total ao acordo UE-Mercosur tras as protestas...