O Grupo Provincial Socialista presentou este mércores no Pereiro de Aguiar unha moción que se debaterá este venres no pleno da Deputación de Ourense, na que reclama a elaboración dun plan estratéxico provincial de servizos sociais, o reforzo do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e que se inste á Xunta de Galicia a cumprir coas súas obrigas legais nesta materia.
A iniciativa foi presentada no Centro de Actividades para Maiores dos Gozos polo voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, acompañado por deputados provinciais e concelleiras do Pereiro de Aguiar. Durante a súa intervención, Vila denunciou que o SAF é un piar fundamental no sistema de atención á dependencia en Galicia, pero que nos últimos anos "se converteu nunha carga económica insostible para os concellos, especialmente para os máis pequenos, que son maioría na provincia de Ourense".
Segundo datos da Federación Galega de Municipios e Provincias, os concellos ourensáns asumen arredor do 30 % do custo do SAF con recursos propios, mentres que a Xunta de Galicia apenas financia pouco máis dun cuarto do servizo, a pesar de ter a competencia exclusiva en materia de servizos sociais.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE criticou a "desidia e o desleixo" do Goberno galego do Partido Popular, ao tempo que lembrou que, transcorridos 16 anos desde a aprobación da Lei de Servizos Sociais de Galicia, a comunidade segue sen contar cun plan estratéxico nesta materia. "Outras comunidades autónomas dispoñen de plans vixentes e actualizados, mentres Galicia continúa sen unha folla de ruta clara", sinalou.
Vila puxo como exemplo o papel activo doutras deputacións provinciais, como a da Coruña, que conta cun Plan de Acción de Servizos Sociais e destina en 2025 8,7 millóns de euros ao SAF, ou a de Lugo, que aprobou unha achega de 3,3 millóns de euros para este servizo nos municipios da provincia.
Neste contexto, o voceiro socialista defendeu que a Deputación de Ourense debe asumir "un papel máis activo e ambicioso" na planificación e financiamento dos servizos sociais comunitarios. "As boas prácticas doutras deputacións poden servir de referencia para aliviar unha carga económica cada vez máis insoportable para os concellos ourensáns", afirmou. "O SAF é un servizo esencial e os nosos maiores merecen unha atención digna e de calidade", concluíu.
