O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou este martes a libraría Eixo, unha das adheridas ao Plan Provincial de Lectura, onde puxo en valor o éxito dunha iniciativa que conseguiu que todas as librarías participantes canxearan bonos, cumprindo así o obxectivo de dinamizar o comercio local e apoiar o sector libreiro en toda a provincia.
Segundo os datos achegados pola institución provincial, xeráronse un total de 18.479 bonos, dos cales se canxearon 14.895, o que supuxo unha facturación global de 261.861 euros nas librarías adheridas ao programa.
Luis Menor destacou que, grazas á colaboración co Concello de Ourense, o plan acadou "todos os obxectivos marcados", como apoiar a cultura, fomentar a lectura entre a mocidade e reforzar o comercio local. Á vista dos resultados, anunciou que a campaña terá continuidade e mesmo será mellorada en futuras edicións. "A cultura é unha prioridade para este goberno provincial e a resposta da veciñanza confirma que estamos no camiño acertado", subliñou.
Pola súa parte, o presidente da Asociación de Libreiros de Ourense, Javier Ibáñez, agradeceu á Deputación a posta en marcha da campaña, sinalando que foi especialmente positiva para as pequenas librarías, e expresou o seu desexo de que continúe no tempo polo seu impacto no sector cultural provincial.
Durante a visita, Menor animou á cidadanía a descargar ou canxear os seus bonos antes do remate da campaña, previsto para o vindeiro 20 de decembro, e agradeceu a implicación das máis de medio cento de librarías participantes en toda a provincia.
Este primeiro Plan Provincial de Lectura, dirixido a menores de 18 anos empadroados nalgún concello ourensán, consolídase como unha ferramenta eficaz para fomentar hábitos lectores entre a mocidade e fortalecer a economía cultural do territorio. A través do programa concédese unha axuda consistente nun libro por persoa, cun custo máximo de 20 euros, adquirible nos establecementos adheridos.
