sábado. 05.10.2024

“Baltar empobrece e crea desigualdades en Ourense cun reparto de fondos caciquil e a dedo”, din os socialistas ourensáns este venres a respecto dos orzamentos da Deputación Provincial para o 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense, que lidera Rafael Villarino, considera que as contas responden a “un novo uso dos fondos públicos de xeito partidista, co único obxectivo de atender a intereses personalistas do PP e do seu líder, nunha nova feira do caciquismo, baseada na vulneración da lei e da Constitución”.

Desde o Grupo Provincial Socialista avoga por unha normativa para determinar criterios “obxectivos, xustos e equitativos”, e apuntan a que os concellos “presentan diversidade de proxectos, que no caso daqueles que non son do PP son ignorados sistematicamente”.


“Ten que haber un sistema obxectivo que respecte as diferencias e particularidades entre concellos, asignando os cartos segundo as súas necesidades e non segundo caprichos persoais”, insisten os socialistas. E din que é preciso “insuflar transparencia real á xestión económica, fronte á ciencia ficción que Baltar merca con cartos”. 


Nunha rolda de prensa este venres en Ourense, o voceiro provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Villarino, fixo un chamamento á poboación para que “sexa consciente que isto non é o normal, por moito que aconteza ano tras ano”. Villarino advertiu de que en Ourense “mantense a política de sempre, na que a Deputación recibe fondos de forma obxectiva, principalmente do Estado, e unha vez chegan á presidencia, Baltar convérteos en cartos para uso clientelar e discriminatorio”.


Pola súa parte, o deputado provincial pola comarca de Valdeorras, Aurentino Alonso, fixo fincapé en que estamos ante uns orzamentos “calcadiños aos de anos anteriores, nos que apenas hai variacións”. E afirmou que “aquí presúmese moito de ourensanía, pero a ourensanía non se fai repartindo cartos de xeito arbitrario, faise repartindo equitativamente e dándolle a todos polo menos algo”.


Segundo os datos que ofrecen os socialistas, existe unha diferenza “abismal” entre concellos, dependendo da cor política dos mesmos. Deste xeito, no reparto de subvencións nominativas os concellos gobernados polo PP reciben un total de 4.377.620,84 euros, polos 425.950 euros dos concellos gobernados polo PSdeG, os 268.000 destinado aos do BNG e os 79.320 que van a independentes. “Isto supón que o 86,28% dos orzamentos destinados a subvencións nominativas recaen en concellos do PP, namentres que só un 8,08% vai aos do PSdeG, un 4,20% aos do BNG e un 1,43% aos de independentes”, apuntou Alonso.

porcentaxe-subvencions-nominativas-3
FONTE: PSdeG-PSOE de Ourense.

Os e as socialistas tamén destacan que a suma das subvencións nominativas e a modificación de crédito dan como resultado que os concellos do PP “levan un total de 5.499.705,14 de euros, namentres os do PSdeG, só 514.967, os do BNG, 268.000 euros e os independentes, 91.319,80”. O 86,28% de todos estes cartos recae en concellos do PP, polos 8,08% dos do PSOE, o 4,20% do BNG ou o 1,43% dos independentes. “O ránking desta feira do caciquismo encabézao Castrelo de Miño, cun total de 432.000 euros, seguido de A Merca con 344.000, e Monterrei con 325.247,77, todos eles con gobernos do Partido Popular”, sosteñen no PSdeG- PSOE de Ourense.

NOTICIAS A LIMIA | Os socialistas advirten da concesión “indiscriminada” de subvencións...