viernes. 26.04.2024

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, presentou a semana pasada no Parlamento de Galicia unha proposta para implantar un servizo de prevención de incendios “único, profesional, estable, formado e equipado” baixo o mando único do goberno galego. A iniciativa recibiu o voto en conta do PP.


Rodríguez Dacosta considera “moi grave” o rexeitamento desta iniciativa “á vista do sucedido” cos incendios forestais deste verán, nos que arderon 44.234 hectáreas recoñecidas pola Xunta, sinala o Grupo Parlamentar Socialista nun comunicado de prensa, no que reitera que o lume afectou a 4 dos 6 parques naturais de Galicia, e rexistrando os dous maiores incendios dende que hai rexistros históricos. 


A portavoz socialistas criticou a “irresponsabilidade altísima” do PP e do goberno galego por negarse en redondo a tomar medidas para evitar que a situación se repita.


E alertou da situación de “descontrol, desastre e colapso”, segundo denuncian os propios efectivos, pola “falla de coordinación” no sistema de prevención de incendios. Ademais, engadiu que a Xunta aprobou o Pladiga cunha “demora inxustificada”. 


Rodríguez Dacosta reivindicou un xiro na política forestal da Xunta “ante a insuficiente planificación e medidas preventivas, atacando as causas estruturais dos lumes forestais”. E pediu a “reformulación das brigadas municipais, contratadas de forma temporal, sen formación suficiente, sen xefes de brigada nin peóns suficientes e cunha coordinación deficiente por parte da Xunta”. Un persoal que a Xunta mantén en “precariedade extrema”, con brigadas “incompletas asumindo xornadas de máis de 12 horas” durante uns “absolutamente insuficientes” 6 meses ao ano.

NOTICIAS A LIMIA | Os socialistas esixen un servizo de prevención de incendios único e...