viernes. 19.04.2024

Unha semana despois das tormentas que provocaron varios incendios no país, continúan activos en Lugo e Ourense cinco grandes incendios forestais (GIF), é dicir, os que superan as 500 hectáreas que marca o Pladiga. Ademais destes cinco, a Xunta deu por estabilizado hoxe o lume de Videferre, en Oímbra, con 600 hectáreas afectadas. É o máis pequeno dos GIF. Tamén en Oímbra segue activo o lume de Rabal, con 1.800 hectáreas queimadas segundo os cálculos de Medio Rural.


Os incendios máis graves en relación ás aldeas e persoas afectadas seguen sendo os dous de Folgoso do Courel e o de Carballeda de Valdeorras, que permanecen en situación de alerta 2 con ameazas a cinco núcleos habitados. En Folgoso, Medio Rural informa nun comunicado das 19:30 deste xoves de que a superficie afectada no lume de Vilamor e Saa son 10.000 hectáreas, as mesmas que 24 horas antes. A situación repítese no incendio de Seceda, con 1.100 hectáreas perdidas. 


No lume de Carballeda de Valdeorras, que tocou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, contabilízanse 10.500 hectáreas queimadas (as mesmas tamén que onte); e no de Vilariño de Conso, que afecta ao Parque do Invernadeiro, a superficie arrasada é de 5.200 hectáreas (1.200 máis que onte). O lume de Carballeda pasou a León e obrigou a evacuar núcleos na aldea de Puente Domingo Flórez


Medio Rural informa de outros tres incendios, de menos de 500 hectáreas, estabilizados; e cinco máis en situación de controlados. Este xoves, a Xunta de Galicia anunciou que achegará axudas de até 122.400 euros a donos de vivendas afectadas polos incendios. 


Nos últimos días déronse por extinguidos lumes en Cualedro (31 hectáreas afectadas), Melón e Ribadavia, na provincia de Ourense; e Baiona, Quiroga, Covelo e dous en Cervantes.

ALARMA POLOS INCENDIOS | Continúan activos cinco grandes incendios, e dan por...