Xoves. 11.08.2022
Tres incendios en Oímbra, que entraron desde Portugal, consumiron xa 2.250 hectáreas

ALARMA POLOS INCENDIOS | Camiño das 30.000 hectáreas nos lumes en Lugo e Ourense

Imaxen dos danos causados xa o luns polo lume de Rabal. FOTO X.L. Colmenero
Imaxen dos danos causados polo lume de Rabal (Oímbra). | FOTOS: Xosé Luis Colmenero.

Ourense e Lugo son as provincias máis golpeadas polos lumes que seguiron á onda de calor da semana pasada. Entre as dúas provincias, e só tendo en conta os lumes que aínda non se deron por apagados, xa se queimaron 28.777 hectáreas.


As cifras actualizadas esta tarde (con datos das 19:30 horas) pola Consellería de Medio Rural, a respecto da superficie queimada polos incendios dos últimos días eleva a 2.550 hectáreas a perda nos tres lumes que aínda seguen activos no concello de Oímbra. No sinistro de Rabal están afectadas 1.800 hectáreas; 400 no de San Cibrao e 350 no de Videferre. Os tres incendios comezaron en Portugal.


Na provincia de Ourense tamén segue activo o incendio de Pradoalbar, no concello de Vilariño de Conso, que afecta ao Parque Natural do Invernadeiro. Van perdidas 4.000 hectáreas.


No lume máis grande, o de Riodolas en Carballeda de Valdeorras, con 10.500 hectáreas xa queimadas, mantense a situación de alerta 2, pola ameaza sobre o núcleo de Candeda. Este incendio afecta ao Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.


En total, nestes incendios que continúan activos este mércores, xa se perderon 16.750 hectáreas.


Folgoso do Courel, dous lumes activos. Van arrasadas 10.000 hectáreas no de Vilamor (Folgoso) e Saa (A Pobra) -en alerta 2 por ameazas aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso) e Busto (A Pobra do Brollón)-, e outras 1.100 hectáreas no de Seceda, que tamén está en alerta 2 pola proximidade ao núcleo de Gamiz.

Columnas de fume nos montes entre Vilar de Cervos e Feces de Cima.
Columnas de fume nos montes entre Vilar de Cervos e Feces de Cima.

En Lugo estabilizáronse dous lumes en Cervantes e Quiroga, e danse por controlados outro en Cervantes, un máis en Quiroga, outro en Palas de Reis e outro en Antas de Ulla. Ademais, extinguiuse un máis no municipio de Cervantes. Estes sete lumes afectaron a máis de 927 hectáreas (Medio Rural no ofrece cifra concreta sobre un dos lumes, ao estar por baixo das 20 hectáreas perdidas). 


Lugo suma en total 12.027 hectáreas arrasadas, segundo os cálculos de Medio Rural.
  

ALARMA POLOS INCENDIOS | Camiño das 30.000 hectáreas nos lumes en Lugo e Ourense
comentarios