viernes. 04.10.2024

Uxía Tizón, Adolfo Pérez Abellás e Miguel Bautista, os parlamentarios ourensáns do PSdG-PSOE, cualifican de “excelentes” unhas cifras da Enquisa de Poboación Activa (EPA), coñecida este xoves,  que “confirman” como se pode saír dunha crise “de maneira diferente á que nos impuxeron antes como presunto método único”. “Son os mellores datos en décadas”, afirman os parlamentarios socialistas pola provincia nun comunicado de prensa difundida esta mañá.


A EPA confirma, na súa opinión, que “as decisións do executivo de Sánchez son adecuadas para impulsar as economías española e ourensá, con fin de seguir no crecemento, no ensanchamento de dereitos sociais, na equidade e na diversificación” do mercado de traballo.


E lembran que a taxa de paro da provincia “sitúase actualmente no 10,84 %, a máis baixa desde 2009”. Ademais, din, “Ourense conta con 117.400 ocupados e ocupadas, o mellor dato desde 2011, mentres que a cifra de poboación activa escala ata as 131.600 persoas, o rexistro máis elevado desde 2017”.


“Fronte as escusas dos gobernos do PP, a EPA demostra que practicar reformas laborais en beneficio dos traballadores e traballadoras e aprobar medidas como a suba do salario mínimo ou o ingreso mínimo si funcionan para impulsar o ben común”, apuntan Uxía Tizón, Adolfo Pérez Abellás e Miguel Bautista. 


Os parlamentarios e parlamentarias tamén destacan o “unánime e beneficioso” acordo alcanzado entre Goberno central e axentes sociais, para “mellorar e impulsar” o Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), tras meses de diálogo e negociacións. “As medidas acordadas van beneficiar a decenas de miles de ourensáns e ourensás”, insisten tras lembrar que son “froito da vontade de cumprimento de todos os implicadas, á vez que responden a unha aspiración de décadas dos autónomos e autónomas”.
 

NOTICIAS A LIMIA | Os socialistas ourensáns ven “excelentes” os datos de desemprego na...