viernes. 19.04.2024

O Concello de Porqueira organiza este sábado o seu tradicional magosto popular, pero este ano será diferente. Faltará unha das persoas que sempre se entregou para que saíse adiante e a veciñanza desfrutase desta festa, o concelleiro José Rodríguez Dobaño, coñecido como "Peitos", que faleceu o pasado 28 de setembro. "Aproveitamos o magosto, no que sempre se implicou moito, para homenaxealo", asegura Susana Vázquez, a alcaldesa.

O Edificio Multiusos do concello, onde se celebran o magosto e a feira de cada mes, levará dende este sábado o nome de José Rodríguez Dobaño, un recordo permanente da súa entrega ó servizo público. "Foi unha persoa que lle adicou gran parte da súa vida ós veciños, 19 anos estando conmigo e case outros tantos co anterior alcalde, case a metade", engade a rexedora.

 

Esta "merecida" homenaxe fará que o concelleiro finado esté sempre presente en cada magosto, polo que tanto se esforzou ao longo destas décadas no Concello. "Seguro que a el lle gustaría que se siga facendo porque el facía moito para celebralo e sempre ten moito éxito", sinala Vázquez. O sábado, sobre as 13:15 horas descubrirase unha placa na súa honra.

Despois deste solemne acto, no que estarán presentes diversos compañeiros do José Rodríguez e tamén o presidente da Deputación, Manuel Baltar, comezará o magosto. Sobre as 14:00 horas, os veciños xuntaranse nunha gran comida na que non faltarán as castañas nin as lembranzas polo finado concelleiro. "Temos pensado rendirlle unha pequena homenaxe en cada magosto. Nesta ocasión será un día agridoce porque nos falta el, pero intentaremos pasalo todo o ben que podamos", apunta a alcaldesa.

José Rodríguez Dobaño 'Peitos'.
José Rodríguez Dobaño "Peitos".

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira rende homenaxe a José Rodríguez "Peitos" no seu magosto