jueves. 25.04.2024

O programa Coidados Porta a Porta, impulsado en marzo do 2022 pola Consellería de Política Social, chegou esta mañá a Porqueira. Unha das súas oito unidades móbiles quedará instalada ao carón do Edificio Multiusos dende hoxe ata o próximo xoves.

O autobús de Coidados Porta a Porta ofrece ás persoas maiores de 55 anos do concello tres servizos diferentes, completamente de balde e para os que só se precisa unha cita previa. Ao longo destes meses, máis de 26.000 galegos recibiron atención na súas unidades móbiles, que percorren todos os concellos, agás as sete grandes cidades.

Xa se pode solicitar cita para os servizos que ofrecen. O de Podoloxía consiste nunha consulta básica para valorar o estado xeral do pé, un corte e limpeza de unllas, e a eliminación de durezas e callos. En Audioloxía, o especialista valorará e fará unha exploración funcional da audición e aconsellará sobre a prevención da perda auditiva. Por último, está dispoñible un servizo de Estimulación da memoria na que un profesional realizará unha valoración cognitiva e proporcionará pautas dende unha perspectiva terapéutica para previr e minorar un deterioro, en caso de habelo.

Para pedir cita só hai que chamar a un destes teléfonos, o 622 748 283 ou o 623 546 992, pero tamén se pode consultar a través do enderezo electrónico [email protected]. Ademais, ao longo desta semana outra unidade móbil estará instalada en Calvos de Randín ata o mércores, logo trasladarase a concellos da Baixa Limia como Lobios e Muíños. Á comarca volverá o 26 de xaneiro, en Rairiz de Veiga.

NOTICIAS A LIMIA | Coidados Porta a Porta instala esta semana a súa unidade móbil en...