sábado. 27.04.2024

A alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, mantivo recentemente un encontro co presidente da Deputación, Manuel Baltar, no que repasaron os proxectos que se están executando no concello en colaboración co Goberno provincial. Estas actuacións son, principalmente, no ámbito das infraestruturas públicas.

Os orzamentos da Deputación deste 2023 destinarán 175.000 euros en axudas para o financiamento de distintos proxectos que se executarán ao longo deste ano. Baltar, trasladoulle á rexedora o "noso absoluto compromiso para contribuír a finalizar as obras e os servizos que están en marcha".

Entre as obras que analizaron están os traballos de humanización de rúas na localidade de San Lourenzo, un proxecto cofinanciado polo Goberno provincial e enmarcado no Plan Hurbe Galicia da Xunta. Baltar, quen visitou as obras o pasado ano, comprometeu o apoio da Deputación "para completar un proxecto que repercute directamente na calidade de vida da veciñanza".

A alcaldesa de Porqueira tamén solicitou a colaboración da Deputación para executar obras de abastecemento no municipio, "moi necesarias logo da complexa situación que vivimos no pasado verán como consecuencia da seca". Un ámbito de actuación no que Vázquez lembrou a axuda do provincial para abrir dúas novas captacións, xa finalizadas.

NOTICIAS A LIMIA | Porqueira traballa para mellorar o abastecemento de auga no concello