martes. 08.10.2024

No 2021, o Concello de Porqueira informou aos veciños de Lovios, en Paradela de Abeleda, da posibilidade de reactivar o lugar solicitando a declaración de aldea modelo diante da Consellería de Medio Rural. “Pensamos que é unha oportunidade”, di a alcaldesa, Susana Vázquez (PP) este luns, despois de que a semana pasada un responsábel da consellería mantivese unha reunión coas veciñas e veciños. Hai 112 propietarios de 1.138 parcelas arredor de Lovios.

“En Lovios, como pasa en moitos núcleos, hai unha perda constante de poboación e abandono do campo. E iso, entre outras cousas, incrementa o risco de incendios”, explica Vázquez. “Pero teñen que ser os veciños quen decidan”. Por iso a reunión co subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez, que expuxo as vantaxes de solicitar a declaración de aldea modelo, que abranguería unhas 34,8 hectáreas.

“O val ten un micro clima que ofrecería moitas posibilidades para cultivos de horta, por exemplo. Ademais de que, coa aldea modelo, mellorarían as opcións para acceder a outras axudas”, insiste a alcaldesa. Susana Vázquez ten a intención de se volver a reunir coa veciñanza este mesmo mes. Acompañada dun técnico agrario. “Buscaremos a mellor data para que poida vir o máximo número de veciñas. E, se están de acordo, adiante”.


A aldea modelo é instrumento voluntario de mobilización e posta en valor de terras vinculadas a un núcleo rural. Para activalo, é preciso recoller as sinaturas requiridas. Cando menos, o apoio dun grupo de propietarios que posúan en conxunto o 70% do perímetro afectado. 

“Xunto cos polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta, trátase dunha ferramenta concibida para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes”, di o Concello de Porqueira nun comunicado publicado onte.

De aprobarse, a primeira tarefa que se acometería sería á roza e limpeza da contorna da parroquia. Mais antes son precisos os trámites e un proxecto de desenvolvemento avalado por Medio Rural.

NOTICIAS A LIMIA | Lovios, en Porqueira, decide se quere ser aldea modelo