domingo. 09.02.2025

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Porqueira para supervisar, da man da súa alcaldesa, Susana Vázquez, o remate das obras de recuperación do forno da Forxa, nas que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático investiu máis de
22.000 euros.

O delegado territorial explicou que con esta actuación preténdese poñer en valor os recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.

Visita ao forno da Forxa no Concello de Porqueira.
Visita ao forno da Forxa no Concello de Porqueira.

 

Manuel Pardo destacou que a Xunta concedeu máis de 1 millón de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade da rede Natura 2000 na provincia de Ourense sendo os beneficiarios os concellos da Gudiña, Larouco, San Cristovo de Cea, Chandrexa de Queixa, O Irixo, O Bolo, Manzaneda, Laza, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Montederramo, Vilar de Santos, Monterrei, Beariz, Vilar de Barrio, A Veiga, A Mezquita,
Porqueira e Quintela de Leirado; que reciben máis de 400.000 euros; as persoas físicas - preto de 60.000 euros-, e entidades como asociacións sen ánimo de lucro e comunidades de montes veciñais en man común, que se reparten máis de 600.000 euros.

O representante do Goberno galego lembrou que o obxectivo desta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, é subvencionar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional.

Visita ao forno da Forxa no Concello de Porqueira.

 

Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres.

Ademais, recibiron financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas. A maiores, tamén foron subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais.


As actuacións que se levaron a cabo consistiron na recuperación dun elemento de interese etnográfico e da arquitectura tradicional, polo que se realizou un labor de rehabilitación encamiñada a reproducir as condicións construtivas orixinais mediante materiais acorde co entorno, e sen danar o existente nin eliminar ningún elemento característico ou de relevancia arquitectónica.

Manuel Pardo e Susana Vázquez na súa reunión.


O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no concello para manter un encontro coa alcaldesa Susana Vázquez e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.
O delegado tivo a ocasión de tratar xunto a súa rexedora, temas prioritarios para o seu concello. Así, durante a xuntanza fixeron repaso dos proxectos e necesidades que dependen da Xunta de Galicia.

A Xunta impulsa a recuperación do patrimonio en Porqueira coa rehabilitación do Forno...