lunes. 07.10.2024

Asunción Morgade (Rairiz de Veiga, 1986) deu un xiro á súa carreira política nestas eleccións municipais. A actual alcaldesa de Rairiz, que nos últimos comicios se presentou polo PP, esta vez encabeza a lista do PSdeG PSOE como independente, despois de que a substituíran no seu partido. As cores cambian, pero o seu obxectivo segue sendo traballar para mellorar a vida da veciñanza da localidade.

 

Como afronta esta nova etapa na súa carreira política, sendo a candidata do PSdeG-PSOE?

Afronto esta nova etapa con moita ilusión. A anterior durou oito anos, pero como sempre digo, detrás dos partidos hai persoas. Neste caso é a mesma e son cambian as siglas. Intentaremos facelo o mellor posible, coa mesma ilusión de sempre.

Na súa candidatura acompáñana concelleiros que están agora con vostede no Goberno. A que se debeu a selección para formar o seu equipo?

Os meus compañeiros quixeron continuar conmigo, os tres que son os actuais concelleiros no PP, salvo un. Este é Camilo Fernández, o que encabeza a lista deles. Os demais, viñeron conmigo a este novo proxecto para darme o seu apoio. Polo tanto, a lista é prácticamente a mesma que a que presentamos nas últimas eleccións municipais, aínda que hai algunha cara nova. O único que mudaron foron as siglas e as cores, xa que seguiremos traballando por mellorar Rairiz e a vida dos nosos veciños, pese a que moitas veces dependemos doutras administracións.

De que maneira afrontan esta campaña electoral despois destes cambios?

Estamos traballando moito todos os da candidatura. Temos a máxima ilusión para lograr un bo resultado. O ambiente que estamos percibindo entre a veciñanza é bo, xa que somos os mesmos. Os veciños coñécennos porque levamos moito tempo nisto, son as caras de sempre, non como no PP, onde hai moitas caras novas. Montaron unha lista renovada, pero nós seguimos sendo os mesmos. Por iso, todos os veciños nos abren as súas portas.

 

Esta semana denunciaron que dous simpatizantes socialistas foron increpados por xente do Partido Popular. Que aconteceu para chegar a esta situación?

Estamos impactados e condenamos totalmente o que pasou. Nós nunca faríamos iso, porque estamos no ano 2023 e hai que ser democráticos, respectando as formas de pensar dos veciños. Isto pasou con dúas persoas duns 70 anos veciñas da Saínza que nos acompañaron a unha aldea para facer campaña. Ao día seguinte, pola mañá, o candidato do PP, Camilo Fernández; e o presidente do PP local, presentáronse na súa casa para dicirlles que non podían vir con nós e que lles tiñan que votar a eles, iso foi o que me contaron os afectados. Non nos explicamos como neste tempo pode acontecer algo coma isto, pero creo que son accións feitas á desesperada, dentro dunha campaña que manexa o exalcalde Xaquín Rodríguez. Dende logo, nós non imos ameazar a ninguén e faremos a nosa campaña limpamente, respectando as formas de pensar de tódolos veciños.

Esa é outra cuestión de polémica en Rairiz, xa que o PP está empregando imaxes nas que figura Xaquín Rodríguez, exalcalde que aínda está inhabilitado por prevaricación. Que opina disto?

A foto na que sae repartírona no mitin que tiveron esta semana, no que participaron o conselleiro de Medio Rural e o vicepresidente da Deputación. A min chegoume a través de veciños de Rairiz e puden comprobar que Xaquín Rodríguez aparece como coordinador de campaña do PP no noso concello. Iso é o único que podo dicir e, despois de todo o que ten pasado conmigo, xa me espero calquera cousa deles.

 O candidato do PP, Camilo Fernández; e o presidente do PP local, presentáronse na casa de dous veciños para dicirlle que non podían vir con nós e que lles tiñan que votar a eles

Cales son as propostas do PSdeG-PSOE para Rairiz?

As propostas son variadas. Entre elas temos a de continuar coa concentración parcelaria que eu iniciei hai oito anos. Chegou grazas a min, porque estaba paralizada polo anterior goberno. Hoxe témola en Guillamil e Sabariz, pero tamén temos licitada a de Rairiz. A idea é seguir con elas por todo o concello. Tamén continuaremos co cambio do alumeado a LED, do que xa rematamos dúas fases e quédannos tres por executar. O obxectivo é ir mellorando todo con accións como unha nave municipal, actuacións na rede viaria, no abastecemento e saneamento nalgunhas aldeas. O idea vai ser a de mellorar os servizos públicos en xeral.

ENTREVISTA | Asunción Morgade: "Camilo Fernández dedícase a recriminarlle aos veciños...