martes. 05.11.2024

O PP de Sandiás preséntase ás eleccións deste domingo cunha nova candidatura, liderada por Sixto Traveso. O proxecto dos populares busca mellorar os resultados do 2019 e aspiran a recuperar a alcaldía, na que leva oito anos Felipe Traveso, candidato da Agrupación de Electores de Sandiás.

Estas eleccións municipais asume o liderado da candidatura do PP en Sandiás. Que o motivou a dar este paso?

Eu son veciño de Vilariño. Hai oito anos que entrou o actual alcalde e no programa do 2019 levaba 24 propostas para mellorar o concello. Só cumpriu tres delas. Os veciños non somos tontos, queremos os mesmos servizos e o benestar que teñen outros concellos, por iso me presento.

Como define ao equipo que o acompaña nestes comicios?

Simplemente somos persoas. Uns veciños máis do municipio. Hai agricultores, gandeiros, funcionarios, xente con recorridos profesionais diversos... Todos eles son valiosos e teñen moitas cousas en común, pero a que destaca por enriba de todas, é o desexo de mellorar a calidade de vida de tódolos seus veciños á marxe das siglas.

 

Cales son as expectativas que teñen de cara á cita do 28M?

Pois, se che digo a verdade, son positivas. Creo que teremos a maioría. Aquí precísase un verdadeiro proxecto de futuro e eles non o teñen. A xente esta farta de churrascadas, panfletos con auto louvanzas nas que, cando miras ao detalle, son só medias verdades e, sobre todo, do abandono das infraestruturas. As rúas de moitas aldeas están cheas de enormes buratos que, precisamente estes días de cara ás eleccións, tapan, un de cada cuatro. O pouco feito de verdade, que venden como de iniciativa propia, por exemplo o cambio a luces LED, veu en realidade da Xunta e da Diputación.

Que propostas teñen para o concello de Sandiás, no caso de ser elixidos para o vindeiro mandato?

Moitas e moi necesarias. Estamos cheos de ideas e moi ben asesorados para levantar Sandiás. Tras entrevistarnos coas institucións implicadas e presentarllas, contamos con moito respaldo. ¿Sabes? Moitas axudas non se outorgan porque non se piden. De entre as propostas destacaría un centro de día. No noso municipio, o 70% son persoas maiores. Tamén proxectamos unha residencia de maiores, porque a que hai quédase moi pequena, o que por outro lado é unha forma de crear emprego. Precisamos un plan de conciliación familiar para os cativos, que vai máis alá de traerlle uns paiasos un día no verán, e reformar o colexio, que está nun estado lamentable. Explotar o monte, o Camiño de Santiago e as areeiras turísticamente, das que xa hai algún plan na administración presentado. Tamén apostamos por unha piscina pública, xa que somos o único concello da zona que non a ten e, moita xente nova que está traballando fóra, recoñécenos que apenas veñen a casa “porque aquí nin temos iso”. Colaboraremos intensamente cos agricultores e gandeiros, unha cuestión que é unha urxencia para nós. Para eles temos un interesantísimo plan de rescate con moitas medidas.

 

En que cuestións cren que Sandiás pode mellorar?

En todas, pero só pode mellorar se gañamos nós. Estes non fan nada e non contan con ningún proxecto viable de futuro. Nós vamos a loitar forte por unha discriminación positiva do rural, traballando en sintonía coa xa anunciada creación dun Foro Permanente para conectar as políticas de todas as administracións públicas que afecten ao rural, é dicir, que nos afecten a nós. En resumo, co goberno actual, Sandiás é o concello máis atrasado en inversións de toda a Limia. Espero que a xente pense no concello coma na súa casa e se den conta que non hai máis ca palabras e xestos para quedarse na poltrona, mirando pasar as cegoñas.

ENTREVISTA | Sixto Traveso: "Co goberno local actual, Sandiás é o concello máis...