miércoles. 08.07.2026

As nenas e nenos que forman parte do PAI e do Campamento Municipal de Sandiás foron os protagonistas dunha xornada dedicada a poñer en valor o pasado galaico-romano e a histórica Festa do Esquecemento. Dada a diversidade de idades entre os participantes, a xornada estruturouse para chegar a todos os niveis formativos.

A actividade foi organizada pola Furgoteca, o servizo de biblioteca móbil da Xunta de Galicia, en estreita colaboración co Concello de Sandiás e a Asociación Civitas Limicorum. O obxectivo principal foi achegar o patrimonio local aos máis pequenos mediante unha metodoloxía participativa e dinámica.

A xornada contou coa presenza de Marcos Argibay, presidente de Civitas Limicorum, quen dirixiu unha charla divulgativa adaptada. Tras a parte teórica e a proxección dun vídeo da Festa do Esquecemento, os participantes gozaron de diversos xogos e probas deseñados pola Furgoteca, formando grupos por idades para experimentar o contexto histórico dun xeito directo.

Os participantes do PAI e do Campamento Municipal gozaron de xogos e probas sobre o pasado galaico-romano.
Os participantes do PAI e do Campamento Municipal gozaron de xogos e probas sobre o pasado galaico-romano.

Tras o evento, Argibay fixo balance do crecente interese que esperta esta celebración entre a xeración máis nova: "Levamos xa varias edicións traballando coa infancia e o cambio é evidente. Antes explicabamos a Festa do Esquecemento dende cero; agora, cando chegamos aos campamentos e colexios, xa atopamos ás nenas e nenos empoderados no seu rol, ben sexa coma romanos ou coma castrexos. A nosa historia forma xa parte do seu imaxinario natural", destacou.

Pola súa banda, o Concello de Sandiás estivo representado polo concelleiro de Cultura, Pepe Gándara, quen recoñeceu o labor da Asociación facendo entrega da obra "Tres puntos de vista sobre el Forum Limicorum", unha publicación de recente edición que afonda na riqueza arqueolóxica e histórica do territorio.

XXVI edición da Festa do Esquecemento celebrarase os días 21, 22 e 23 de agosto.

A Civitas Limicorum leva a historia galaico-romana ao PAI e Campamento Municipal de...