NOTICIAS A LIMIA | Denuncian vertedoiros irregulares nas areeiras de Sandiás
Nun comunicado de prensa difundido esta tarde, Ecoloxistas en Acción Ourense alerta de que “séguense usando os terreos das areeiras de Sandiás como vertedoiros ilegais de lixo, a pesar da existencia de puntos limpos para recoller os entullos”. Ecoloxistas en Acción insta ao concello de Sandiás a adoptar medidas para corrixir esta situación e protexer esta paraxe natural.
A organización ecoloxistas sostén que boa parte destas zonas están protexidas por ser Zona de Especial Protección para as Aves e que se estaría infrinxindo a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e Fauna Silvestres.
“O uso de terreos das areeiras de Sandiás como vertedoiro de lixo segue sendo unha realidade, a pesar da apertura dos puntos limpos nos concellos de Vilar de Santos e Xinzo de Limia”, afirman os ecoloxistas. E advirten de que o que eran pequenos cúmulos de lixo, “convertéronse en grandes montóns de materiais procedentes de obras”.
O Concello de Sandiás, lembra a organización medioambiental, anunciou recentemente que recuperaría estes espazos. As ecoloxistas din que “un destino ornitolóxico atractivo, como tratan de promocionar tanto o Concello como a Xunta de Galicia, é incompatible cun vertedoiro de lixo”.
Ecoloxistas en Acción informa que se dirixiu a Felipe Traveso, alcalde de Sandiás, para informalo destes vertedoiros. “É necesario que se investigue a procedencia das verteduras e se sancione aos infractores. Tamén se debería sinalizar a zona concienciando da necesidade de preservar este espazo natural protexido”, apuntan desde a organización ecoloxista.