sábado. 20.04.2024

O centro de saúde de Sandiás despediu esta semana a un dos seus profesionais. A súa enfermeira durante os últimos 12 anos, Elvira Quintas, pechou a súa etapa profesional para comezar unha nova a nivel persoal, a da xubilación. Este martes foi o seu derradeiro día traballando coa veciñanza de Sandiás, polo que recibiu un agasallo por parte do Concello como agradecemento, entregado polo alcalde, Felipe Traveso.

Quintas, natural de Allariz, chegou a Sandiás en maio de 2011 e antes, pasou pola unidade de Reanimación do CHUO. A súa andadura na sanidade pública comezou no ano 1979, cando empezou a traballar para o Sergas. Máis de 40 anos despois, de adicación a coidar das persoas, colga a bata para desfrutar dunha merecida xubilación.

Os últimos anos de traballo non foron sinxelos, marcados pola pandemia. Esta época, dura para toda a poboación, especialmente para o persoal sanitario, non impediu que Quintas seguise facendo o seu labor pese ás dificultades deste tempo.

Dende o Concello de Sandiás agradécenlle todo o traballo desempeñado con "mimo e competencia" ao longo de máis dunha década e, agora, deséxalle o mellor para esta nova etapa da vida que comeza. "Tócalle coidarse e consentirse a ela mesma", sinalan.

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás despide á súa enfermeira, que se xubila tras 12 anos no...