martes. 10.12.2024

O pasado mércores 22 levouse a cabo unha xornada de educación vial para tódolos cativos do CEIP de Sandiás. Unha iniciativa organizada polo servizo da Garda Civil de Tráfico de Ourense e Protección Civil de Xinzo de Limia, e impartida na maior parte de colexios da comarca da Limia durante anos.

O obxectivo do plan é sensibilizar aos rapaces e rapazas sobre as normas viais, tanto dende a perspectiva dos peóns como dos condutores. Para lograr isto, como punto de partida impártese unha charla teórica nas aulas da escola por parte de Dona Sinda, xefa de tráfico de Ourense. Posteriormente, Protección Civil monta un pequeno circuito vial no pavillón deportivo para ensinar a parte práctica dos contidos. A medida que os alumnos pasan por diversos obstáculos -subidos a bicicletas ou triciclos- vaiselles amosando parte da normativa vial básica, por exemplo cando se debe ceder, facer os stops, respetar aos viandantes e ciclistas, levar casco e chaleco reflectante...

A xornada de educación vial continuará o seu paso por outros colexios da Limia nos vindeiros días.

NOTICIAS A LIMIA | Xornada de educación vial no CEIP de Sandiás