viernes. 04.10.2024

O alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, recibiu esta mañá no centro de saúde da localidade ao delegado da Xunta, Gabriel Alén; e á directora asistencial da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Mar Vázquez. Esta visita tivo como obxectivo comprobar as rematadas obras de mellora acometidas nas súas instalacións.

O orzamento destinado para a reforma foi de máis de 30.000 euros, resultado dun convenio colaborativo entre a Xunta e o Concello, ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. O Goberno local foi o responsable de levar a cabo as actuacións necesarias para a execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para licitalas e poñelas en marcha.

A actuación acometida consistiu na substitución do material de cubrición da cuberta existente, cambiándoa por unha de tellas cerámicas fixadas sobre placa de microcemento e rastreles de madeira de piñeiro. Isto permitirá aumentar o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.

A Xunta colabora habitualmente cos concellos para financiar as obras de reforma nos centros de saúde que sexa de titularidade municipal. Nesta lexislatura, asináronse máis de 25 convenios para achegar unha cifra superior aos 832.000 euros en reformas, en centros nos que tamén sufraga os custos de mantemento.

Para este 2023 incrementará o seu apoio ás entidades locais neste ámbito, chegando aos 2,6 millóns de euros. No caso de Sarreaus, o Concello recibiu case 11.270 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria

Gabriel Alén, Gumersindo Lamas; e Mar Vázquez falaron co persoal do centro de Sarreaus.
Gabriel Alén, Gumersindo Lamas; e Mar Vázquez falaron co persoal do centro de Sarreaus.

NOTICIAS A LIMIA | O centro de saúde de Sarreaus remata a reforma da súa cuberta