viernes. 19.04.2024

A Asociación Escola Rural de Saúde anunciou este luns a posta en marcha dun taller semanal para persoas ao coidado no fogar de dependentes coa intención de mellorar destrezas, incluído o manexo das emocións, e servir de espazo de axuda mutua, información e apoio.

As sesións, dirixidas pola orientadora Rosa María Trujillo e a enfermeira Elisa Cadaya, ambas do equipo técnico da Escola, desenvolveranse cada martes na aula 2 da Casa da Cultura de Xinzo de Limia. As organizadoras tamén valoran a posibilidade de levar o taller a outros lugares onde haxa demanda.

Para participar, é necesario realizar unha inscrición a través do teléfono 603 78 44 35, ou acudindo directamente á sede da asociación na propia Casa da Cultura.

A intención da Escola é "prestar apoio as coidadoras e aos coidadores de persoas dependentes e enfermos crónicos na etapa máis avanzada da enfermidade", segundo explican no comunicado, no que inciden na necesidade de pensar o espazo como "un lugar de encontro para a axuda mutua, o apoio e o intercambio de información, así como a posta en común de destrezas que faciliten o día a día dos coidados no domicilio".

O programa é posíbel, destaca o comunicado da Escola, grazas ao financiamento da Deputación Provincial de Ourense. E realízase como complemento doutros programas de servizos comunitarios existentes. A web da Escola é escolaruraldesaudedalimia.com.

NOTICIAS A LIMIA | Axuda e orientación para persoas coidadoras, cada martes na Casa da...