martes. 08.10.2024

Unha vez rematada a vacinación nas 157 Residencias Sociosanitarias da provincia, os equipos especiais de vacinación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, retomaron este venres a vacinación fronte á covid e da gripe nos nos tres hospitais da provincia, comezando polos maiores de 85 anos, colectivo que en Ourense ascende a 16.989 persoas, para escalonadamente protexer aos máis de 120.000 ourensáns con máis de 60 anos. 


Como en etapas anteriores, os centros de vacinación son os hospitais públicos de Valdeorras e Verín, para os seus respectivos distritos, e en Ourense alternativamente Expourense e o Hospital Universitario. Onde se manterá até o domingo, para trasladarse de luns a xoves a Expourense até o día 28 de outubro, fin de semana no que a vacinación se manterá no pazo de exposicións. Todos os días en horario de 9 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas. 


Nesta primeira fase, convocarase ás persoas maiores de 85 anos, como en etapas anteriores vía unha mensaxe SMS no móbil, coa cita en formato QR. 1.457 no distrito de Valdeorras, 1.571 no de Verín e 13.961 no de Ourense. A todas elas se lles ofrecerá tamén a vacina da gripe, campaña que arrancará o próximo luns día 10 nos Centros de Saúde, comezando tamén polos maiores de 85 anos e a domicilio para os pacientes inmobilizados.


Onte, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama (PSOE), dirixiu unha carta ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña (PP), na que solicita: “Que se dispoña dos medios humanos e materiais para que a campaña de vacinación se faga no noso concello, ben no Centro de Saúde ou poñemos ao dispor o Pavillón Polideportivo, como xa fixemos para os cribados”.


Sostén a alcaldesa que no Concello de Xinzo hai 22 parroquias con numerosas aldeas, “algunhas que distan da vila mais de media hora en coche, e case 45 minutos en autobús, aos que hai que engadir media hora mais por autovía até Ourense, (...) que poden converterse en toda unha maña para recibir a vacina. Cando esta mesma vacina foi administrada en ocasións anteriores nos Centros de Saúde”. Tamén anota que “persoas de idade avanzada que non dispoñen de vehículo propio ou non contan na súa aldea con transporte publico tódolos dias ou xa non se atreven a conducir até a capital da provincia”, e alude ademais ao “custe económico” da viaxe e ao “custe para os membros das familias que teñan que deixar o seu posto de traballo para acompañar estas persoas”.

NOTICIAS A LIMIA | Comezou en Ourense a vacinación contra a covid e a gripe dos maiores...